Israel anuncia que atacará "con máis forza" e por todo o territorio da Faixa de Gaza cando acabe o cesamento do fogo

Hamás e Israel acordaron prolongar o alto ao fogo dúas xornadas máis.
Edificio destruído no campo de refuxiados de Bureij, no centro de Gaza, por un bombardeo israelí (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News / Contactophoto).
photo_camera Edificio destruído no campo de refuxiados de Bureij, no centro de Gaza, por un bombardeo israelí (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News / Contactophoto).

Ao finalizar o cesamento do fogo (asinado entre Hamás e Israel até a próxima cuarta feira), as Forzas de Defensa de Israel (FDI) seguirán realizando operacións na Faixa de Gaza con maior forza e a súa ofensiva estenderase a todo o territorio do enclave palestino, segundo declarou esta quinta feira o ministro de Defensa de Israel, Yoav Gallant.

Nunha intervención ante militares israelís, o ministro sostivo que cando volvan as hostilidades a "forza será maior e terá lugar en toda a Faixa". "Agora teñen uns días, volveremos loitar, utilizaremos a mesma cantidade de forza e máis", afirmou o ministro de Defensa.

Gallant engadiu que os soldados teñen que lembrar que mentres "se organizan, descansan e investigan, o inimigo tamén está a facer o mesmo". Neste sentido, sinalou que, tras a tregua, o Exército israelí atacará o enclave con "bombas da Forza Aérea e, despois, con proxectís de tanques e de artillería, buldócers e, finalmente, tamén con disparos das tropas de infantaría".

Previamente, esta segunda feira, informouse que Hamás e Israel acordaron prolongar o alto ao fogo que comezou a pasada sexta feira e que remataba esta segunda feira. Segundo Diaa Rashwan, xefe do Servizo de Información Estatal de Exipto (SIS), a prolongación da tregua incluiría a liberación de 20 reféns israelís e 60 palestinos dos cárceres de Israel.

Comentarios