Aumenta a presión internacional contra Israel para que a tregua en Gaza sexa indefinida

Qatar comunica que está tratando de negociar unha nova prórroga do alto o fogo na Faixa de Gaza, cuxo último intercambio está previsto mañá. Namentres, Israel, premido para que a tregua sexa indefinida, mantén que reactivará os ataques ao remate da pausa.
Unhas crianzas andan en bicicleta entre os cascallos de Khan Younis, no sur de Gaza, hoxe.  (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Unhas crianzas andan en bicicleta entre os cascallos de Khan Younis, no sur de Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

O alto o fogo en Gaza, que hoxe chegou ao seu quinto día, está a permitir ás entidades internacionais expor a magnitude da destrución provocada polo Exército israelí no territorio palestino en case sete semanas de agresión militar, cunha invasión do norte da Faixa e bombardeos indiscriminados contra a poboación civil que asasinaron arredor de 15.000 persoas, entre elas máis de 6.000 crianzas, en paralelo ao aumento da presión internacional contra o Goberno sionista de extrema dereita para converter en indefinida a tregua.

A Organización das Nacións Unidas (ONU) elevou a máis de 46.000 a cifra de vivendas destruídas polos ataques israelís, con máis de 234.000 domicilios danados, o que supera 60% de todo o parque residencial da Faixa. Tamén reportou “danos xeneralizados a estradas e infraestruturas esenciais como sistemas de enerxía e redes de distribución, tanques de almacenamento de auga, canalizacións, redes de subministración e canles de drenaxe”.

Após advertir as autoridades de Gaza do colapso do sistema sanitario polos bombardeos, que mataron 207 persoas dos equipos médicos, 26 de protección civil e deixaron 26 hospitais e 55 centros de saúde fóra de servizo, a voceira da Organización Mundial da Saúde (OMS), Margaret Harris, afirmou que “veremos máis xente morrer por doenzas que por bombardeos se non somos capaces de reconstruír este sistema de saúde”, e relatou que a poboación sobrevive sen “medicamentos, sen actividades de vacinación, sen acceso a auga potábel e hixiene e sen alimentos”.

Entrementres, James Elder, portavoz do Fondo da ONU para a Infancia (Unicef), defendeu tras visitar o Complexo Médico Nasser en Khan Younis, no sur de Gaza, que o que observou é “devastador”, nun centro transformado nunha “zona de guerra” con “múltiples crianzas con amputacións, nenas e nenos que hai seis ou sete semanas xogaban ao fútbol cos seus amigos”.

Asemade, cuestionou que malia que o volume de axuda humanitaria que entrou no territorio durante o alto o fogo foi “grande” segue sen ser “suficiente”. “Só abondará” se a tregua deriva nunha “paz duradeira”, facendo fincapé en que “non podemos pensar que a destrución de Gaza e a matanza de crianzas van crear paz na rexión, iso é completamente absurdo”.

Arredor desa cuestión, o comisario de Xestión de Crises da Unión Europea (UE) -canda os Estados Unidos o principal aliado israelí-, Janez Lenarcic, corroborou que “as cantidades [de axuda humanitaria] que ingresan diariamente non son suficientes”, do que responsabilizou as restricións impostas por Israel á entrada de combustíbel. Desde o comezo da agresión contra Gaza, os sionistas asediaron o territorio no que viven 2,3 millóns de persoas, que apenas recibiron unha fracción mínima da axuda necesaria.

Amais, a Media Lúa Vermella palestina denunciou que os soldados israelís impediron que un camión con combustíbel para ambulancias chegase ao norte de Gaza.

No que atinxe á tregua, o Ministerio de Asuntos Exteriores de Qatar transmitiu que está traballando para asegurar unha extensión maior do alto o fogo pactado entre Hamás, que goberna Gaza, e o Executivo de ultradereita en Israel, mantendo o mesmo eixo que na primeira prórroga de dous días, confirmada a segunda feira, a liberación de 10 mulleres e menores de idade israelís capturados na operación palestina do 7 de outubro a cambio da liberación de 30 mulleres e menores de idade palestinos en prisións israelís. Hoxe estaba previsto o primeiro intercambio nesta nova fase.

No primeiro tramo da tregua intercambiáronse en catro días 51 persoas israelís -das 50 acordadas-, ao que hai que sumar 18 estranxeiros liberados de forma unilateral por Hamás, por 150 mulleres e menores de idades palestinos en mans de Israel. O número de palestinas e palestinos liberados por Israel é inferior á cifra dos que detivo desde o comezo da tregua, 168 segundo a Sociedade de Prisioneiros Palestinos.

Washington preme Tel Aviv

Ante a presión internacional para que o alto o fogo se converta en indefinido, Israel asevera que unha vez finalizada a pausa reactivará a súa agresión contra Gaza, que en teoría pretende eliminar Hamás, un obxectivo que até a prensa israelí admite que está moi lonxe de lograrse, e o Goberno ameazou con matar líderes de Hamás en Qatar. Majed al Ansari, voceiro de Exteriores qatarí, contestou que “hai algo chamado dereito internacional”, e salientou que “hai moitas declaracións erráticas relacionadas con asuntos internos, e non só en Israel”.

No marco da resposta de boa parte dos Estados do Sur Global contra a agresión israelí, que persoas expertas da ONU cualificaron como unha limpeza étnica e un xenocidio, e das mobilizacións azuadas polas imaxes dos masacres perpetrados por Israel, até Washington foi mudando a súa posición e abriu a porta a que a entrega de armamento a Israel estea suxeita a determinadas condicións logo de nin sequera demandar un alto o fogo.

Nese sentido, e perante a intención israelí de ampliar a invasión terrestre ao sur de Gaza, funcionarios da Casa Branca trasladaron a axencia AP que Israel debe evitar “un maior desprazamento significativo” de civís palestinos.

A ultradereita da UE defende as accións israelís

No caso da UE, as peticións dun alto o fogo de varios Estados racharon a posición marcada nun primeiro momento, que replicaba a dos Estados Unidos. Á vez, non evita que en países como Alemaña ou Francia as forzas de extrema dereita asuman a mesma liña en defensa de Israel que as progresistas moderadas, que en lugares como Berlín dirixen o Goberno.

Pola súa parte, o Gabinete italiano de ultradereita rexeitou a posibilidade de recoñecer o Estado de Palestina de forma unilateral, xustificándose en que “somos amigos de Israel” e pode ser “contrario á paz”.

Estas diverxencias, unidas á evolución na posición de Washington -que en última instancia non quere unha tregua indefinida-, dificultan que Israel reactive “coa mesma intensidade” a agresión militar, indica o analista Sultan Barakat, que adianta que se produciría un maior rexeitamento por parte da comunidade internacional.

Rachar relacións

Néstor Rego, deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso español, anunciou que impulsará a constitución inmediata dun intergrupo parlamentario para desenvolver medidas que poñan fin ao xenocidio, e reclamou ao Goberno estatal pasar á acción, empezando por romper relacións con Israel, frear o comercio de armas e levar o líder israelí, Benjamin Netanyahu, á Corte Penal Internacional.

Comentarios