Día das Letras

Queremos Galego reivindica a "mobilización colectiva" para garantir un porvir novo para a lingua

A manifestación polo Día das Letras Galegas tamén tivo como protagonista a chuvia, que acompañou os milleiros de persoas que se concentraron en Santiago de Compostela un ano máis para exixir un maior compromiso da Xunta na defensa da nosa lingua. 

Manifestantes polo Día das Letras Galegas na Praza da Quintana. (Foto: Arxina)
photo_camera Manifestantes polo Día das Letras Galegas na Praza da Quintana. (Foto: Arxina)

Pasadas as 12 horas, milleiros de paraugas encheron as rúas de Santiago de Compostela para reivindicar o galego e exixir a súa defensa e promoción ás Administracións, con motivo da manifestación polo Día das Letras Galegas.

Antes do comezo da manifestación, que daba comezo na Alameda, o portavoz da plataforma Queremos Galego! e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL), Marcos Maceira, en declaracións aos medios de comunicación, destacou os "éxitos" que conseguiu a "mobilización social" no último ano.

Baixo berros de 'Aínda que se molle, o galego non encolle', os manifestantes percorreron parte do Ensanche compostelán antes de introducirse no casco antigo da cidade, camiño da Praza da Quintana.

Xa na praza, puideron escoitarse proclamas contra o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, pola suspensión do decreto do plurilingüismo.

O artista Xurxo Souto foi o encargado de animar aos milleiros de persoas que se acumlaban na Quintana, antes de proceder á lectura do manifesto. Un dos momentos máis singulares da concentración ocorreu cando Souto comezou a cantar ‘Non hai fronteiras’, canción das Tanxugueiras coa que intentaron concorrer ao Festival de Eurovisión.

Lectura do manifesto

Representantes do mundo da ensinanza e do audiovisual fixeron lectura do manifesto de Queremos Galego.

En concreto, a avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas; a representante das ANPAS galegas, Esther Martínez;  e as actrices e representantes do sector audiovisual galego Mónica García e Arantza Vilar, foron as encargadas da lectura do manifesto.

Insistiron en que "a tendencia negativa da lingua galega non é irreversíbel". "O compromiso e a acción da sociedade demostran diariamente que a situación pode mudar", subliñaron.

Intervención final de Marcos Maceira

O remate da manifestación correu a cargo de Marcos Maceira, cunha derradeira intervención na que lembrou a aprobación unánime da Iniciativa Xabarín, pola que se conseguiu o “compromiso de creación este ano da plataforma da TVG que contará coa canle infantil” e que “Netflix comezase a lexendar e dobrar algúns títulos” en galego.

Maceira reivindicou a “mobilización colectiva” dos galegos e galegas para conseguir ese “exito”, ao tempo que criticou que o Goberno español “pretende rebaixar a nosa demanda e limitala só a algunha das linguas oficiais. Apuntalar máis a hexemonía abafante do castelán”.

Tamén fixo referencia á "histórica sentenza" do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que "obriga a garantir o uso do galego diante de toda a administración, nomeadamente a do Estado".

Manifestación de Galicia Bilingüe

“No ano 2009, nesta mesma praza tiña lugar unha manifestación de odio ao galego ao grito de paletos e libertad”, lembrou o voceiro de Queremos Galego!, en referencia á manifestación que convocou o colectivo Galicia Bilingüe en 2009 no Obradoiro, e na que participaron, entre outros, o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Maceira cualificou de “vergoñento” que “unha das persoas que encabezou esa manifestación de odio sexa hoxe presidente da Xunta, a mesma Xunta que nega as axudas ao uso do galego ao único xornal impreso en galego ou discrimina aos dixitais que empregan o noso idioma”.

“Non teñamos dúbida, se non fan máis estragos é porque todos e todas nós estamos día a día para llo impedir”, engadiu.

O presidente da Mesa insistiu en que o “novo futuro” do galego pasa polo pobo galego, que mantén a lingua porque non hai mellor elemento de unidade e de cohesión social”.

 “Galegos e galegas, de todas as idades, xéneros, condicións e pensamento que queremos un futuro digno para a Galiza, que só existirá con toda a normalidade no uso da súa lingua. Queremos galego!”, concluiu Maceira.

Comentarios