Día das Letras

Pontón pide un "novo marco normativo" para a lingua galega

O BNG demanda garantir "un futuro" para o idioma.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na manifestación de Queremos Galego. (Foto: Arxina)
photo_camera Pontón, no inicio da manifestación, amosando unha proclama sobre o idioma. (Foto: Arxina)

Derrogar o 'decretazo' contra o galego, un plan de impulso á lingua galega en todos os ámbitos e a posta en marcha de canles e espazos no idioma propio da Galiza para o público infantil e xuvenil foron as tres propostas defendidas na mañá da terza feira, 17-M, por Ana Pontón para o galego.

A portavoz nacional do BNG sinalou que son miles os galegos e galegas que queren "un futuro para o galego", conscientes de que ter un idioma propio é "unha riqueza" e que a lingua galega é un elemento "que nos une para gañar o futuro".

 Fronte a esta demanda social favorábel ao galego, Ana Pontón situou un Goberno galego que, "lamentabelmente", "rema en contra" do idioma propio da Galiza.

Desgaleguización

A actitude do Executivo galego ao longo de todos estes anos, apuntou, levou a que, puxo como exemplo, a escola sexa "unha máquina desgaleguizadora". Así, indicou que son moitos os pais e nais que ven con preocupación como os seus fillos entran na escola sendo galegofalantes e como alí, durante   o ciclo educativo, tornan castelánfalantes.

Por iso o BNG pula pola "derrogación do decretazo" e por "un novo marco normativo no que a escola sexa unha aliada para a lingua galega", sinalou a portavoz nacionalista. Para Pontón, isto pasa por un Goberno "que reme a favor do noso idiomas" e que asuma a riqueza e potencialidade que este representa. "Necesitamos un plan de impulso en todos os ámbitos: xustiza, sanidade, economía...", explicou, incidindo na "necesidade" de que a lingua "gañe espazos e avance" para así ter "un futuro".

A portavoz tamén informou que o BNG defendería unha iniciativa no Congreso español para pedir ao Estado que poña final á "deturpación" da "nosa toponimia oficial na nomenclatura dos portos e capitanías marítimas", pois seguen a aparecer denominacións como Villagarcía ou Puebla. 

Ana Pontón realizou estas declaracións antes do inicio da manifestación convocada por Queremos Galego en Santiago de Compostela e que reuniu miles de persoas. Entre elas, unha nutrida representación de representantes nacionalistas nas diferentes Administracións. 

Comentarios