Día das Letras

Rueda recupera a fórmula do "bilingüismo harmónico" coa nova denominación de "cordialidade lingüística"

O presidente rexeita "particións ideolóxicas" no idioma.
rueda
photo_camera Rueda, onte en Valdeorras, visitando unha mostra sobre Delgado Gurriarán (Foto: @AlfonsoRuedaGal)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, reivindicou na mañá da terza feira no Barco de Valdeorras a "cordialidade lingüística" en torno ao galego e rexeitou o que denomina como "particións ideolóxicas" sobre o idioma. Afirmacións que entroncan co discurso de "bilingüismo harmónico" que ao longo destes anos defendeu a Xunta de Alberto Núñez Feixoo e anteriormente Manuel Fraga, lanzando unha mensaxe de que na Galiza existen dúas linguas en igualdade de situación.

O actual presidente galego fixo estas declaracións no acto institucional organizado pola Xunta para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022.

“Mantemos vivo un idioma, o propio, o noso, que ten que seguir sendo de todos, ten que seguir crecendo", manifestou Rueda, que tamén fixo fincapé en que o galego "soa con forza, compleméntase e atrae falantes e oíntes, sen considerar o contacto con outros idiomas unha ameaza que o debilite, todo o contrario".

Rueda instou a "conxurármonos" para que o galego, "coa participación de todos", floreza durante “mil primaveras” máis, en referencia á frase de Álvaro Cunqueiro. "E hoxe, 17 de maio," apuntou, "sempre é unha boa data para recordalo sen esquecer que o resto do ano hai que seguir facendo tamén "exactamente o mesmo".

"Non sobra ninguén"

O mandatario describiu o galego como un "espazo vivo, de encontro, entre todos os galegos e galegas", no que "recoñecernos". "Hai moitas razóns e motivos para seguir impulsando con moita forza en todos os ámbitos o noso idioma", manifestou. "Non sobra ningunha voz no relato que estamos a escribir", concluíu.

As palabras de Rueda, porén, prodúcense baixo as lembranzas que desde diferentes organizacións e colectivos fixeron estes días ao novo presidente galego sobre a súa participación en 2009 nunha manifestación "contra a imposición do galego", da man da entidade galegófoba Galicia Bilingüe.

Comentarios