A campaña de dinamización lingüística 'Aquí tamén se fala' vira en festival

A praza da Tolerancia da Coruña acollerá o 7 de xuño a primeira edición dun festival de música en galego.

Alberto Pombo, Nuno Pico (Grande Amore), May (Leria) e Arcadio González.
photo_camera Alberto Pombo, Nuno Pico (Grande Amore), May (Leria) e Arcadio González.

Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira encabezan o cartel do primeiro festival 'Aquí tamén se fala' de música en galego.

O promotores da campaña de dinamización lingüística que viu a luz no IES Rafael Dieste antes de espallarse a centros de ensino de toda a Galiza deron a coñecer esta sexta feira o cartaz desta cita musical que terá lugar o 7 de xuño.

Segundo avanzaron Alberto Pombo e Arcadio González, este primeiro festival constitúe o colofón a "unha iniciativa cultural sen precedentes na historia da dinamización lingüística do país" á que se sumaron máis de 200 centros educativos de todos os niveis de ensino, clubs deportivos profesionais de primeiro nivel, referentes do mundo cultural e máis de 25.000 rapaces traballando de forma activa.

Os concertos, organizados desde o instituto público coruñés supón un fito histórico, sinalaron, pois representa a materialización dun festival de música profesional promovido desde un centro de ensino.

Por e para a mocidade

A cita foi programada pola mocidade e para a mocidade baixo a coordinación de ambos os dous profesores e impulsores da iniciativa cultural "Aquí tamén se fala galego".

Pombo e González deron a coñecer os concertos xunto a representantes institucionais da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, da Deputación e máis do Concello da Coruña, da Xefatura Territorial de Educación e do propio centro educativo, máis ao carón dos músicos Nuno García Pico (Grande Amore) e May (Leria).

O festival será gratuíto e estará aberto a toda a mocidade e cidadanía. Coa súa música, Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, darán continuidade ao traballo desenvolvido por 'Aquí tamén se fala' no campo audiovisual, que se divulga nas redes sociais de Instagram, Tiktok e Youtube baixo o cancelo #AquíTaménSeFala.

O festival, resumiron, é unha proposta cultural "gratuíta, monolingüe en galego, aberta á cidadanía, horizontal e organizada desde un instituto público da Coruña rico e diverso". Terá lugar o 7 de xuño, sexta feira, a partir das 17 horas na praza da Tolerancia da Coruña.

Comentarios