Marcos Maceira, Queremos Galego: "O galego segue vivo malia a súa exclusión sistemática"

A plataforma Queremos Galego, constituída por medio millar de entidades sociais e culturais da Galiza, convoca a sociedade galega a se manifestar en defensa da lingua este 17 de maio en Compostela. 'Nós Diario' conversa co seu portavoz, Marcos Maceira, arredor do idioma, que demanda "un novo futuro para vivir en galego".
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: Arxina)
photo_camera Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: Arxina)

—En que situación chega o galego a este 17 de maio?

Aquí hai dúas cuestións importantes. Unha é que hai unha sociedade activa arredor da lingua, e viuse neste último ano en relación ao audiovisual e a sentenzas que se gañaron grazas á vontade cidadá de conseguir dereitos lingüísticos; e a outra é que hai un completo desleixo por parte das administracións públicas, tanto da Xunta, que ten máis responsabilidade porque goza das competencias en materia de lingua, como do Estado, que impide mesmo que se poida cumprir a pouca lexislación que ampara o galego. En consecuencia, a situación é preocupante. É moi difícil vivir en galego e é moi difícil que a lingua avance porque non existe a disposición mínima para garantir un contexto onde as familias poidan transmitir a lingua e as persoas que se queiran incorporar a ela, empregala.

—As cifras dos últimos anos reflicten un uso regresivo do galego, sobre todo entre a xente moza das áreas urbana. Apuntan unha perda de transmisión, de coñecemento e de falantes que fai que o idioma tamén perda presenza como lingua de comunicación.

É resultado da falta de galego na vida social e da falta de compromisos dos poderes públicos por xerar esa presenza, esa dispoñibilidade do galego. É evidente que en galego non temos practicamente nada. Menos de 1% dos seguros están en galego, menos de1% das sentenzas están en galego, menos de 0,4% dos xoguetes están en galego, menos de 0,5% de todo canto hai dispoñíbel no audiovisual está en galego. O raro sería que con estes datos a lingua mellorase a súa situación. Non é para estar satisfeitos pero si podemos sentir certo orgullo de que, a pesar da exclusión sistemática da lingua, o galego segue vivo. Iso é o sorprendente, non os datos.

—Sempre se sinala o ensino como un dos ámbitos máis adversos para a lingua. Que responsabilidade ten no seu retroceso?

Hai outros moitos factores que contribúen á situación da lingua, pero o ensino é un elemento principal. Os datos son elocuentes. Só no 8% das escolas infantís das cidades hai un emprego mínimo do galego, que di moito da exclusión permanente do galego nun ámbito onde os nenos pasan moito tempo. Tamén na primaria e na secundaria, onde nin sequera se chega ao nivel de 33% que fixa, como mínimo, o decreto do plurilingüismo. Nesas etapas podemos falar dunha omnipresenza do castelán, porque, ademais, fóra do ensino, no lecer, nas extraescolares, no audiovisual a exclusión do galego é moito maior. Non hai ámbitos de aprendizaxe nin de oferta nin de posibilidade de uso do galego.

—Como pode gañar falantes a lingua sen unha presenza maioritaria e diversa?

Non se pode pretender convencer a ninguén de que fale galego cando despois non ten posibilidade de empregalo, polo menos nos ámbitos da vida pública, no privado xa entran en xogo outro tipo de cuestións. Cómpre maior visibilidade para a lingua mais en perde de vista que, segundo o IGE, hai un 24% de menores de 15 anos que din que non saben falar galego, que senten que non teñen competencias para empregalo, o dato máis elevado de toda a historia da lingua galega.

—Queremos Galego chama á sociedade galega a se manifestar pola lingua no Día das Letras. Que resposta esperan?

Esperamos que sexa unha mobilización masiva, recuperando na rúa a normalidade que para o galego aínda non existe. O único que pedimos é poder vivir en galego e que o galego teña un novo futuro. Que ese futuro de desaparición que queren escribir para el o escribamos entre todos, mais para o seu rexurdir e normalización.

O galego pide cotas de seu no audiovisual

A Mesa pola Normalización Lingüística impulsou e logrou o ano pasado a aprobación da iniciativa Xabarín. "Hai un compromiso por parte da Xunta e da CRTVG de por en marcha unha plataforma dixital onde estará a canle Xabarín que pediamos", explica Marcos Maceira, quen suma outras demandas en materia de dobraxe, lexendaxe, cotas de emisión, catálogo e financiamento de producións que dependen do que aconteza coa Lei xeral do audiovisual, a debate no Congreso.

"O Estado quere vender como recoñecemento ao plurilingüismo unha proposta de texto que é un auténtico insulto e un desprezo absoluto a todo canto levamos loitando nos últimos anos". Maceira censura a redacción da lei, que so cita o español, lingua oficial do estado e "algunha das outras linguas oficiais". "O único que buscan é a exclusión do galego por outras vías e faremos o posíbel por evitalo neste mes, que é cando se decide".

Comentarios