Os sindicatos piden derrogar o decreto do plurilingüismo, "a maior agresión" contra o galego

CIG, CCOO e UXT reclaman mudanzas ao novo Goberno de Alfonso Rueda.
Comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha intervención recente no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)

Os sindicatos veñen de reclamarlle ao Executivo galego, presidido agora por Alfonso Rueda e no cal se mantén Román Rodríguez como conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, unha "mudanza de rumbo" en materia de ensino e política lingüística.

Para pór o foco nestes reclamos, a federación de ensino da CIG (CIG-Ensino) puxo en marcha unha campaña que busca a "ampliación dos cadros docentes, a mellora na atención á diversidade, a recuperación do horario lectivo de 18 períodos en secundaria e 21 en infantil e primaria, e a redución das cocientes".

Sobre isto, o sindicato nacionalista denuncia que a postura da Xunta é "totalmente inmobilista e reaccionaria" e critica que a Consellaría de Educación "non dá mostras de querer levar a cabo mudanzas".

"De momento, nos borradores dos currículos da ESO e Bacharelato séguese mantendo a prohibición expresa de usar a nosa lingua nas materias en que Feixoo impuxo a proscrición lingüística en 2010", aproveitou para criticar a CIG.

Normas "regresivas"

Pola súa parte, Comisións Obreiras (CCOO) reclamou ao novo Goberno galego a derrogación das normas "regresivas" para o galego, xa que considera o decreto do plurilingüismo "a maior agresión" contra o idioma propio da Galiza.

Ademais, resaltan a figura do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, o político galeguista e escritor Florencio Delgado Gurriarán pola súa defensa "da Galiza e da lingua galega".

En canto á Unión Xeral de Traballadores (UXT) pide á Xunta que "se implique na promoción do galego" e que sexa "unha prioridade, especialmente, no ámbito educativo para a súa equiparación co castelán". Tamén reivindicaron o papel do galego como "vehículo de comunicación".

Comentarios