Día das Letras

Formoso insta a asumir "o gran reto" de gañar máis espazos para o idioma

O PSdeG di que a Xunta "non foi quen" de abordar ese obxectivo
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esta terza feira, na manifestación de Queremos Galego. (Foto: Arxina)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esta terza feira, na manifestación de Queremos Galego. (Foto: Arxina)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, situou o galego como o elemento máis importante e identificativo a cultura galega, "unha cultura rica e poderosa" cuxas potencialidades chamou a desenvolver.

Formoso fixo estas declaracións ao inicio da manifestación convocada por Queremos Galego na capital galega e acompañado de diferentes líderes e representantes socialistas, como o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O secretario xeral afirmou que "temos por diante" un "gran reto", reto que, apuntou, "non foi quen de abordar o anterior presidente", en referencia a Alberto Núñez Feixoo. Ese reto pasa, sinalou o líder da formación socialista,  por gañar máis espazos para o galego, por unha "maior presenza do galego" en todos os ámbitos da sociedade.

Neste sentido, chamou a "corrixir os erros do pasado por parte da Xunta da Galiza" en materia de política lingüística, mais sen especificar a cales se refería. Neste escenario, o líder dos socialistas pediu ao novo presidente da Xunta “que se implique” e que “aborde o reto de que o galego sexa transmitido polos nosos maiores para ser usado pola nosa mocidade”. “Se impulsa a liberdade nese camiño”, proclamou, “vai ter o PSdeG ao seu carón”.

"Unir os galegos"

Formoso incidiu en que o galego é "unha forma de unir os galegos" e de "unir Galiza con todos os outros pobos". 

Comentarios