Día das Letras

Representantes do ensino e do audiovisual len o manifesto por un "novo futuro" para o galego

Ante milleiros de persoas que se mobilizaron no día de hoxe en Santiago de Compostela, afirmaron que "a tendencia negativa da lingua galega non é irreversíbel".
Milleiros de persoas participaron na manifestación convocada por Queremos Galego con motivo do Día das Letras. (Foto: Arxina)
photo_camera Milleiros de persoas participaron na manifestación convocada por Queremos Galego con motivo do Día das Letras. (Foto: Arxina)

Representantes do mundo da ensinanza e do audivisual fixeron lectura do manifesto de Queremos Galego polo Día das Letras Galegas á chegada da manifestación á Praza da Quintana.

En concreto, a avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas; a representante das ANPAS galegas, Esther Martínez;  e as actrices e representantes do sector audiovisual galego Mónica García e Arantza Vilar, foron as encargadas da lectura do manifesto.

Ante as persoas que se mobilizaron no día de hoxe en Santiago de Compostela, zakisntaron que "a tendencia negativa da lingua galega non é irreversíbel".

"O compromiso e a acción da sociedade demostran diariamente que a situación pode mudar", subliñaron.

Un "novo futuro" para o galego

Para a plataforma cidadá, un "novo futuro" para o galego é posíbel, tal e como "demostran os centos de colectivos que actúan día a día para garantir o futuro de Galiza e do seu idioma".

Na lectura do manifesto, puxeron de relevancia o "esforzo" de milleiros de persoas para "reclamar atención en galego ou respecto pola legalidade na toponimia" ou "promover conxuntamente a normalización lingüística a nivel local".

Asemade, lembraron que a "mobilización colectiva" debe estar vencellada co "acompañamento e do esforzo das institucións e poderes públicos".

"Precisamos xa un Goberno que actúe en todos os ámbitos e contribúa xunto á sociedade a darlle un novo futuro á lingua, para podermos vivir en galego agora e sempre", remataba o manifesto.

Comentarios