A CTNL advirte que continúa en vigor a instrución no Concello de Ferrol para empregar só castelán nos contratos

A Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua lamenta que se redacte unha instrución “contraria á Ordenanza de normalización lingüística e á lexislación autonómica de promoción da lingua e que se transmita a mensaxe de a lingua galega ser a causante dunha suposta falta de axilidade administrativa”.

José Manuel Rei Varela, alcalde de Ferrol, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Manuel Rei Varela, alcalde de Ferrol (Foto: Nós Diario)

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) lamenta  –sobre a instrución do Concello de Ferrol que obriga a redactar os contratos exclusivamente en lingua española- que se redacte unha instrución “contraria ao espírito e á literalidade da ordenanza de normalización lingüística e da lexislación autonómica de promoción da lingua e que, en última instancia, se transmita a mensaxe de a lingua galega ser a causante dunha suposta falta de axilidade administrativa”.

A entidade tamén manifesta a súa preocupación de que se estea a aludir constantemente a uns labores de “tradución ao galego” que non só entran en contradición con moitos dos artigos da ordenanza de normalización lingüística, senón que “contribúen a perpetuar o papel secundario da lingua galega e constitúen o primeiro paso para lle apor todo tipo de prexuízos, neste caso relacionados co bo funcionamento das administracións que todas e todos desexan”.

Desde a CTNL valoran positivamente a rápida reacción do Goberno local de rectificar a decisión tomada “e que se estabelezan canles de colaboración entre administracións; mais a verdade é que, a día de hoxe, esta instrución segue vixente xa que non consta que fose modificada”.

“E por último, recoméndase que en todas aquelas decisións internas que tome unha Administración que teñan a ver coa xestión ou tratamento das linguas se teña en conta obviamente a lexislación e normativa vixentes, así como o criterio técnico do persoal, neste caso, do servizo de normalización lingüística, co fin de atopar a solución máis acaída e axustada a dereito para cada momento".

A Coordinadora de Traballadoras eTraballadores de Normalización da Lingua (CTNL) é unha asociación de carácter non lucrativo de ámbito galego que foi creada en 1996 co obxectivo xeral de procurar paliar as principais eivas no traballo de normalización lingüística en Galiza.

Os compromisos adquiridos desde o inicio e, ao mesmo tempo, os eixes da súa razón de existir son a defensa dos intereses xerais dos traballadores e das traballadoras de normalización lingüística , a súa formación continua e, en xeral, a mellora no proceso de promoción do uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos da nosa sociedade.

Comentarios