Natalia Jardón, doutora en Lingüística: "O galego é unha lingua viva e propia de Asturias"

Natalia Jardón (Boal, Eo-Navia, Asturias, 1990) é doutora en Lingüística e membro de Axuntar, a asociación prá normalización do galego de Asturias, idioma que malia non gozar de recoñecemento institucional reivindica prestixio e dignidade a través das súas falantes. "É unha lingua sen dereitos, pero existe".
Natalia Jardón, doutora en Lingüística e membro de Axuntar. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Natalia Jardón, doutora en Lingüística e membro de Axuntar. (Foto: Nós Diario).

—Goza de boa vitalidade o galego que se fala en Asturias?
O galego é a lingua materna de máis de 40.000 asturianos e asturianas. O dominio lingüístico galaico en Asturias abrangue o territorio situado entre os ríos Eo e Navia, máis dunha ducia de concellos, pero moitas persoas galegofalantes sono tamén fóra desta área. Malia todas as dificultades, o galego é unha lingua viva e presente en Asturias.

—Que certezas ou feitos lingüísticos acreditan que a lingua galega tamén o é de Asturias?
O consenso científico é total. Non hai discusión ningunha desde o punto de vista lingüístico nin filolóxico. As falas do Eo-Navia fan farte do dominio galego-portugués e hai textos do século XII que así o poñen de manifesto, documentos pertencentes á colección do mosteiro de Vilanova de Oscos, de gran relevancia filolóxica. Mais a lingua moderna que se conserva goza de propiedades lingüísticas definitivamente galegas, que aparecen desde a Costa da Morte até o río Navia.

A institución que ten tutela sobre o galego é unha entidade que vela polos dereitos doutra lingua, o asturiano. É un caso único no mundo

—Propiedades distintivas do galego, presentes no Eo-Navia, que desde Axuntar veñen de remitir ao comité de expertos sobre linguas rexionais e minoritarias do Consello de Europa.
Figuran nese informe sobre o estado do idioma galego en Asturias. Unhas son fonolóxicas, como o feito de que hai un inventario de sete fonemas vocálicos, fronte aos cinco do asturiano ou do castelán. Outras son a ausencia de ditongación das vogais semiabertas ou a perda do 'n' intervogálico. No plano morfolóxico destaca o uso do pronome persoal 'eu' ou do dativo de solidariedade 'che/vos'. E aínda desde o punto de vista sintáctico-semántico dicimos cousas como 'non dou aparcado', formas moi concretas que son definitorias do dominio galaico. Polo tanto, desde o punto de vista filolóxico non hai debate, o problema é político.

 —Desde Axuntar denuncian unha crecente invisibilización institucional do galego falado en Asturias, a comezar pola propia denominación da lingua.
Pódese observar, mesmo, a través dos titulares da prensa. En 1989 El Comercio titulaba: "el principado dará el mismo trato al gallego asturiano que al bable". O nome de galego asturiano é o que aparece na Lei de uso  de 1998, que a partir dese ano comeza a empregarse con guión para acentuar a ambigüidade entre o galego de Asturias e o asturiano. Xa en 2006 lemos: "La Academia de la Llingua pide cambiar el vocablo gallego-asturiano por ser peyorativo". A entón presidenta, Ana Cano, sostiña que denominar a fala 'eonaviego' tería máis aceptación, unha fórmula que é a que está a utilizar agora.

—Pasouse de chamarlle galego a chamarlle 'eonaviego'. 
O presidente Adrián Barbón escribiu hai pouco en redes sociais, en castelán, que no Eo-Navia non se fala galego senón 'fala eionaviega'. Esta é a posición oficial. Presentan o noso idioma como local, desconectado das súas raíces e reducido a un territorio con moi pouca poboación. Trátase a nosa lingua como se fose unha variedade menor "que se fala en certas terras do oeste", allea ao patrimonio de Asturias e da súa cidadanía.

—Como afecta este trato á normalización do galego de Asturias?
Esta exclusión, mesmo do seu nome oficial, galego-asturiano, dos textos normativos, ten consecuencias nas políticas lingüísticas. Non hai que perder de vista que a institución que ten tutela sobre o galego, deseña a política lingüística e dirixe o seu estudo académico é unha entidade que vela polos dereitos doutra lingua, o asturiano. É un caso único no mundo. E isto vai en detrimento dos falantes, sometidos a unha manipulación constante entre lingua e identidade.

Propostas para un galego con futuro

Desde Axuntar urxen recoñecemento legal para o galego de Asturias, un paso necesario para "normalizar e coidar" a lingua utilizada no Eo-Navia. Porén, ese recoñecemento oficial debe ir acompañado dunha serie de recursos que no seu último informe achegaron tamén ao comité de expertos do Consello de Europa. Entre outras propostas para a lingua, instan as autoridade á creación dunha Academia da Lingua Galega de Asturias "específica, propia e independente", ao nivel da asturiana; dotar os 18 concellos do Eo-Navia de equipos de normalización lingüística; impulsar a creación dun seminario de galego e dun itinerario académico regrado para o galego de Asturias na Universidade de Oviedo; a creación dunha Escola Oficial de Idiomas onde ofertar estudos de lingua galega e portuguesa e dunha materia optativa de lingua e literatura galegas en Infantil, Primaria e mais en Secundaria. 

Comentarios