'Anicamento', 'birimbao' ou 'escaleta': estas son as novas palabras que incorpora o dicionario da RAG

No apartado de frases e expresións figuran como novidades 'teito de cristal' ou 'cultura de cancelación'.
Dicionario da Academia (Foto: RAG).
photo_camera Dicionario da Academia (Foto: RAG).

'Anicamento', 'teito de cristal', 'cultura da cancelación', 'birimbao' ou 'escaleta' son algunhas das novas entradas que foron incorporadas na última actualización do Dicionario da Real Academia Galega (RAG).

O Seminario de Lexicografía da Academia sumou unhas 40 voces novas ao glosario oficial da lingua galega, ao que tamén se engadiron novas acepcións de palabras e melloras na redacción doutra vintena de vocábulos e expresións.

Entre as novas palabras están 'agachamento' e 'anicamento', que en castelán corresponden ao exercicio físico da sentadilla, consistente en flexionar e estender as pernas coa columna vertebral recta.

Tamén se suman outras voces relacionadas co mundo do deporte como 'haltere', que designa a barra de discos, ou 'vólei', que xa figura no dicionario como sinónimo de 'voleibol' e 'balónvolea'.

'Escaleta', guión detallado que se usa na realización de programas audiovisuais, e 'esgrafiado', técnica decorativa que consiste en practicar incisións cun estilete nunha superficie deixando á vista a capa inferior, son outras das palabras técnicas que se incorporan ao dicionario, ao que se engaden tamén 'birimbao' ou 'trompa galega'.

Novas expresións

No apartado de frases e expresións figura como novidade a locución substantiva 'teito de cristal' para referirse á barreira invisíbel que impide a unha persoa ou unha minoría alcanzar determinados postos de relevancia.

Tamén se suma 'cultura de cancelación', que consiste na retirada de apoio moral, financeiro ou social a persoas ou organizacións por determinados comentarios ou accións.

Ademais, o dicionario da RAG engade cambios nas acepcións de 'comadre', ás que se incorpora o significado de muller coa que se ten máis trato ou confianza e estabelécese unha relación de amizade, apoio mutuo ou compañía.

Esta foi a acepción recoñecida como 'palabra do ano' na votación popular da RAG en 2022. Por outra parte, 'cónxuxe' pasa a definirse como cada unha das persoas dun matrimonio e 'consorte' adapta a súa redacción para respectarse a diversidade, algo que tamén ocorre co termo 'autismo'.

Comentarios