Netflix incluirá en 2022 perto de 220 horas de contidos audiovisuais en lingua galega

A compañía afirma que nos próximos meses, e até o remate de 2022, incorporará progresivamente perto de 70 títulos en galego, catalán e euskera.
A compañía audiovisual incorporará diferentes títulos en galego ao longo do ano (Foto: Diego Cervo). #netflix #audiovisual
photo_camera A compañía audiovisual incorporará diferentes títulos en galego ao longo do ano (Foto: Diego Cervo).

A plataforma audiovisual Netflix impulsará a presenza do catalán, o galego e o euskera no seu catálogo en 2022, coa subtitulación dunha selección de series e películas internacionais e a dobraxe de varios títulos infantís e familiares, tal e como solicitaba A Mesa pola Normalización Lingüística, que impulsou nos últimos meses a campaña "Queremos galego no audiovisual", que culminou o pasado mes de febreiro coa creación da entidade Iniciativa polo audiovisual en galego, que integran diferentes profesionais do sector.

Aliás, cómpre lembrar que o Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade en maio de 2021 a Iniciativa Popular Xabarín, impulsada pola Mesa e avalada por máis de 33.000 sinaturas.

Este anuncio enmárcase nas negociacións que están a decorrer no Congreso sobre a nova Lei do Audiovisual, un texto que inicialmente espertou o rexeitamento de forzas nacionalistas como ERC, EH Bildu e BNG por non garantir a presenza do catalán, o euskera e o galego na ampla oferta de contidos da compañía.

Segundo adiantaron a Europa Press fontes da plataforma de contido audiovisual a demanda, os títulos publicaranse de forma paulatina a medida que estean dispoñíbeis no servizo, de maneira que a selección deste ano estará no catálogo de forma completa a finais de 2022.

Así, nos próximos meses, e até finais de ano, irase incorporando á plataforma unha selección que inclúe perto de 70 títulos en galego, catalán e euskera. Netflix incluirá títulos novos cada ano.

As citadas fontes da compañía estadounidense detallaron que a obra audiovisual que se engadirá ao longo de 2022 representa unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas, e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas nas tres linguas, isto é, un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en lingua galega.

Desta forma, as persoas subscritoras de Netflix en 190 países poderán acceder a series e películas en catalán, galego e euskera como Emily en París ou próximas estreas, como The Mother, Garra, Sandman e Pinocho, do mexicano Guillermo del Toro.

"Seguimos esforzándonos por levar as mellores historias a todo o mundo. Este é un paso máis que estamos a dar para fomentar a presenza do catalán, o galego e o euskera no noso servizo. Aumentaremos o número de series e películas internacionais subtituladas a estas linguas, alén da dobraxe de varios títulos infantís e familiares, para que os nosos subscritores poidan gozar deles en 190 países. Esta selección estará dispoñíbel ao longo de 2022 e seguirá a medrar durante os próximos anos", explicou un portavoz de Netflix.

Comentarios