'Galego vivo, Galiza viva', lema da manifestación pola lingua do 17 de maio

A plataforma Queremos Galega, integrada por máis de medio millar de entidades sociais e culturais do país, chama a mobilizarse o 17 de maio en defensa da lingua e reclamar o compromiso de gobernos e institución públicas para que o galego "estea en todo e para todo".

María Vázquez e Marcos Maceira xunto a outros representantes da plataforma Queremos Galego. (Foto: Arxina).
photo_camera María Vázquez e Marcos Maceira xunto a outros representantes da plataforma Queremos Galego. (Foto: Arxina).

"O galego identifícanos colectivamente, é unha mostra de autoestima, orgullo común e un elemento fundamental de cohesión social entre persoas de diferentes xeración e ámbitos sociais", reivindicou o presidente da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, durante a presentación da manifestación pola lingua que o vindeiro 17 de maio percorrerá as rúas de Compostela a partir das 12 horas.

Maceira estivo acompañado pola actriz María Vázquez, quen deu lectura ao manifesto que desde hoxe comezará a difundirse nas comarcas e nas redes sociais. 'Galego vivo, Galiza viva' é o lema que encabeza a declaración e guiará ducias de accións en localidades de todo o territorio antes do Día das Letras.

A lingua, sinalou Maceira,  sitúanos no mundo e indica a vontade colectiva de existir como pobo galego. "É a mellor mostra de que Galiza está viva", para destacar un aumento da conciencia social a respecto do idioma que gobernos e administracións, institucións públicas e entidades privadas teñen que "acompañar". "Iso sería unha garantía de futuro para o galego e de compromiso coa lingua".

Sociedade activa

Após 40 anos de Lei de normalización lingüística e 20 anos do Plan Xeral de Normalización da lingua galega o presidente de Queremos Galego recalcou que seguen a reivindicar o cumprimento de obxectivos identificados no plan de 2004. "Aí están as accións que se poden tomar para reverter a situación de emerxencia lingüística" que vive o galego. "As receitas existen", porfiou, en alusión ás 400 medidas concretas que recolle ese documento para reverter a regresión da lingua, denunciada tanto por entidades sociais como polo Consello de Europa.

É hora dos gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta da Galiza

Ensino, administración pública e xustiza son tres contornos fundamentais que, segundo Maceira, explican ás claras a mingua do galego. "Na educación infantil o uso do galego sitúase en 8% mentres na xustiza só 1% das sentenzas se emiten nesta lingua".

No audiovisual hoxe emítense menos debuxos animados en galego que cando se puxo en marcha a Iniciativa Xabarín, engadiu, as web da administración non ofrecen o galego como primeira opción, moitos servizos privados "nin entenden nin atenden en galego" e a deturpación da toponimia oficial "alcanza extremos descoñecidos".

Fronte a esta corrente desgaleguizadora "é a sociedade quen actúa en favor da lingua": o profesorado, as consumidoras, as traballadoras, as familias, o funcionariado, a mocidade. Son as cidadás quen se rebelan e puxan polo galego, quen cada vez máis  non están dispostas a renunciar aos seus dereitos lingüísticos".

O 17 de maio, concluíu Maceira, "queremos que se vexa esta sociedade activa que quere que o galego estea en todo e para todo, pero a sociedade non pode loitar en solitario". "Precisamos dun goberno comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma. É hora dos gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta da Galiza", resumiu María Vázquez a partir do manifesto 'Galego vivo, Galiza viva'.

Comentarios