xoves 28.05.2020
Lingua

Queremos Galego cóntalle a Carvalho Calero por que reivindica que #PrecisamosDoGalego este 17 de maio

María Pilar García Negro escribe unha carta aberta ao escritor ao que está adicado este Día das Letras Galegas na que confirma o "desprezo" e a "exclusión" da nosa lingua á vez que chama á mobilización de toda a sociedade, en particular das mozas e mozos.
Cartaz de Queremos Galego para o 17 de maio.
Cartaz de Queremos Galego para o 17 de maio.

"Benquerido profesor, non esquivamos a nosa responsabilidade, isto é, a de todas e todos nós, galegas e galegos, que nos recoñecemos no povo do mesmo nome e queremos exercer non só os nosos dereitos de uso e devolución do noso idioma senón que tamén nos sentimos vinculados a un deber inescusábel: o de sermos dignos de quen nos precedeu, non adorando lápidas senón continuando o seu labor dignificador da lingua, amándoa con obras e non só con palabras que leve o vento".

A profesora da Universidade da Coruña e activista pola lingua María Pilar García Negro diríxese así a Ricardo Carvalho Calero no manifesto para o Día das Letras Galegas da plataforma cidadá Queremos Galego. Nunha carta aberta recorda que "os seus estudos, os seus artigos, analisaron perfeitamente a impostura radical da lexislación constitucional e estatutaria verbo da normalización necesaria da lingua de noso". 

A discípula de Carvalho Calero advirte na súa misiva que "a última década resulta particularmente escandalosa no maltrato que as autoridades autonómicas usan para co galego", explicando que "se procedeu directamente a lexislar na súa contra, a confinalo aínda máis do que xa estaba, a fomentar descaradamente a españolización por todas as vías: ensino, meios de comunicación, sociedades públicas...".

Chamado a mozas e mozos

"Non se trata só dun desprezo pasivo", dille García Negro a Carvalho Calero e, a través del, ao conxunto da sociedade galega, "senón da exclusión organizada con toda a prepotencia e, ao tempo, con todo o servilismo á indiscutida lingua oficial do Estado".

"Unha lingua non pode denominarse normal se non posúe os atributos de tal: ha de ser ubicua, capilarmente circulante por toda a sociedade, con efeito multiplicador, renovábel e atenta a todas as necesidades comunicativas, científicas, expresivas e estéticas do mundo actual. Nen máis nen menos", sinala a profesora.

Así, recupera as palabras de Carvalho: "Hai que ganhar ou recuperar para o uso normal do galego aqueles sectores sociais que hoje tenhem como língua normal o castellano". E salienta que esta "é unha tarefa á que queremos convocar, co amor, o respeito e o afán que a causa da lingua merece, toda a povoación galega e, nomeadamente, todos os mozos e mozas en cuxa man está a digna perpetuación viva do noso idioma". 

Mobilización na rede

Queremos Galego, composta por máis de 600 entidades, anima a sociedade galega a manter as mobilizacións do 17 de maio, pendurando de xanelas e varandas a bandeira galega e cartaces que reivindiquen a nosa lingua co lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión como os que a plataforma ofrecerá desde a súa web, listos para descargar e imprimir en difetentes formatos.

"A lingua galega non ficará confinada este 17 de maio", asegura Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, que chama a partillar ao longo de todo o día vídeos e fotografías de anteriores convocatorias baixo as etiquetas #PrecisamosDoGalego, #QueremosGalego e #17demaio nas redes sociais. 

A palataforma cidadá pretende, desta maneira, manter este 17 de maio a reivindicación de avances reais para o galego, aproveitando a data para recordar a obriga que teñen todos os poderes públicos de cumprir co sinalado tanto polo Comité de Ministros do Consello de Europa como polo relator especial da ONU para as minorías nacionais.

A este respecto, Queremos Galego sinala que non se pode permitir que o máximo desprezo á nosa lingua nestes tempos veña do presidente da Xunta, utilizando como lingua principal o castelán nas súas comparecencias públicas. "Desprezar o galego, excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia", aseguran, "non só non contribúe á loita contra a epidemia, senón que incide en prexuízos ideolóxicos sobre a nosa lingua e sobre a Galiza". 

Queremos Galego cóntalle a Carvalho Calero por que reivindica que #PrecisamosDoGalego...
comentarios