xoves 28.05.2020

Vida e obra de Carvalho anegan as librarías

Libros sobre o intelectual cara ao 17 de maio
Ricardo Carvalho Calero en Compostela. Imaxe: cedida.
Ricardo Carvalho Calero en Compostela. Imaxe: cedida.

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Compostela, 1990) foi, durante anos, a máis improbábel das figuras homenaxeadas polo Día das Letras Galegas. A opción lingüístico ortográfica que adoptou no tramo final da súa vida afastouno das preferencias académicas e insitucionais. Até o pasado ano, en que o plenario da Real Academia Galega decidiu que 2020 sería o de Carvalho. A maquinaria editorial púxose en marcha e a menos de tres meses do 17 de maio, as reedicións e novidades relacionadas co autor de Scórpio abundan xa nas librarías.

Xustamente Scórpio (1987), a derradeira novela de Carvalho Calero, foi recuperada en 2018 por Através editora, logo de dúas décadas fóra de catálogo. Talvez a narración máis ambiciosa do escritor, relato xeracional sobre a quinta de mozos republicanos e galeguistas fanada pola Guerra Civil, conta cun epílogo do profesor Arturo Casas na nova edición. Máis recente, de inicios do ano en curso, data outra recuperación, a do seu debut no xénero: A xente da Barreira (Galaxia), de 1951, a primeira novela en galego da posguerra e, segundo o propio Carvalho, unha proposta neorrealista ambientada no mundo rural.

Antoloxías poéticas

A súa obra poética, porén, acadou menos repercusión, malia o sostido da súa práctica e publicación entre Vieiros (1931) e Reticências (1990). Dúas antoloxías rescátana neste 2020: Beleza, verdade (Chan da Pólvora), a cargo de Pilar Pallarés -quen en 1992 xa organizara Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero)-; e Antologia da poesía em galego (Através), por Paulo Fernández Mirás e con limiar de Carmen Blanco.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

comentarios