Xa están dispoñíbeis os Bonos Activa Comercio: como funcionan?

Os bonos de desconto de 30 euros poderán descargarse por parte das persoas usuarias a partir desta sexta feira 26 de abril a través da web habilitada.
Unha persoa usa o móbil (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha persoa usa o móbil (Foto: Nós Diario).

Os bonos de desconto de 30 euros para compras en comercios que pon en marcha a Xunta da Galiza poderán descargarse por parte das persoas usuarias a partir desta sexta feira 26 de abril a través da web habilitada polo Executivo galego.

A quinta edición do Bono Activa Comercio está dotada con 2,5 millóns de euros, co que se prevé mobilizar 12 millóns de euros en vendas nos estabelecementos comerciais adheridos.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñíbeis para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra.

Descontos por compra

Así, ás compras entre 20 e 30 euros contarán cun desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras entre 30 e 50 euros. A partir de 50 euros, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono. Non se limitará o número de usuarias que poden descargarse os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Comentarios