Alberte Oubiña: "Temos que animar a falar galego con normalidade"

Desde a terza feira, 5 de maio, e ao longo de 3 semanas, Nós Diario incluirá na súa versión en papel e en lectura na nube o curso de lingua: "Mellor uso, máis cantidade". A publicación conta coa colaboración do Concello de Pontevedra. Conversamos co seu responsábel de Normalización Lingüística
Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra (Nós Diario)
Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra (Xaquín Soliño)

Como vai ser o curso de mellora de uso e calidade do galego que se poderá seguir a través de Nós Diario?

Trátase dun curso de perfeccionamento. Unha proposta que nos parece moi interesante e que pode achegar a todos os fogares galegos unha guía sobre como mellorar a calidade da lingua nun momento en que consideramos que é importante falar con corrección tamén. Esta é a mellor maneira de facelo: distendida, áxil e rápida.

Falamos e escribimos ben a nosa lingua en xeral?

O fundamental é falar. Comezar por aí e logo cada quen que perfeccione. Existen cursos como este que se poderá seguir en Nós Diario ou máis formación a través de internet ou a nivel presencial que nos axudarán a perfeccionar. Temos que animar as persoas que non o fan para que dean o paso e falen galego con normalidade. Pódense facer programas desde concellos e desde outras institucións. Isto é fundamental para recuperar o terreo perdido pola lingua durante tantos e tantos anos de políticas lingüicidas.

Que campañas se leva realizado a prol do galego nos últimos anos desde a Área de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra?

Teño a sorte de poder levar esa área municipal en Pontevedra desde hai cinco anos. O pasado mandato, decidimos centrar as funcións de traballo na rapazada, nas máis pequenas e pequenos. Participamos no programa Apego ofertando recursos, música e actividades. Tamén puxemos a disposición dos centros de ensino obradoiros. Neste mandato decidimos ir un paso máis alá. Continuar a traballar con ese segmento mais engadir outro que vai dos 16 aos 20 anos. Ademais, comezamos a dar os primeiros pasos nun proxecto en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo que verá a luz, agardamos, nas vindeiras semanas. Procuramos afondar e ofertar espazos e ferramentas para que aquelas persoas que se incorporen á universidade teñan na lingua galega un punto de apoio para exercer a súa vida con total normalidade. Temos, ademais, campañas co comercio e colaboramos con medios de comunicación en galego.

Como se traballa desde o seu departamento nesta situación de estado de alarma?

Algunhas actividades mudaron. É o caso do certame "Ben veñas, maio", que ten varios apartados e tivemos que anular dous: a semana de teatro e o certame musical. Era imposíbel facelos fisicamente. O resto continúan e estes días sairá a resolución do xurado. Estamos aproveitando para deseñar as actividades do mes da lingua, que vai estar dividido entre maio e outubro polas datas que deu a Real Academia Galega. Traballamos tamén nos libros e material que lles entregamos todos os anos ás asociacións e centros de ensino para que poidan coñecer a figura do autor homenaxeado.

Que ideas barallan para promover a lingua unha vez remate o estado de alarma?

O pasado 27 de marzo tiñamos que celebrar a IX edición do Galegote Rock, un festival con música en galego que ten lugar nas rúas, e tívose que suspender. A nosa intención con este festival e con todas as actividades suspendidas é tratar de non cancelalas e varialas a través doutros formatos ou con capacidade reducida de asistentes. Xa o fixo a Área de Cultura co Salón do Libro e Xuventude co local de música e a idea é facelo con todas as actividades. Sabemos que vai ser difícil, mais queremos apostar polo sector cultural, un dos que move a economía do noso país. Outra das liñas de actuación é precisamente a colaboración con Nós Diario a través deste curso en liña co que poder mellorar a calidade do seu galego.

Comentarios