As mobilizacións do 17 de maio polo galego mantéñense dende as casas

Queremos Galego anima a sociedade a celebrar o Día das letras desde as casas, reivindicando en xanelas, varandas e nas redes sociais baixo o lema 'Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión'.

queremos galego

A plataforma cidadá Queremos Galego anima a sociedade galega a manter as mobilizacións do 17 de maio, e propón que se pendure de xanelas e varandas a bandeira galega e cartaces que reivindiquen o galego co lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión.

A plataforma ofrecerá desde a súa web, listos para descargar e imprimir en diferentes formatos, ese lema reivindicativo.

“A lingua galega non ficará confinada este 17 de maio”, asegura Marcos Maceira, presidente da Mesa e voceiro de Queremos Galego, que chama tamén ás persoas usuarias das redes sociais a partillar ao longo de todo o día vídeos e fotografías de anteriores convocatorias baixo as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego e #17demaio.

A palataforma cidadá pretende así manter o 17 de maio a reivindicación de avances reais para o galego, aproveitando a data para insistir na obriga que teñen todos os poderes públicos de cumprir co sinalado tanto polo Comité de Ministros do Consello de Europa como polo relator especial da ONU para as minorías nacionais.

Ambos os dous organismos internacionais subliñaron a necesidade de garantir que a cidadanía galega poida empregar a súa lingua en ámbitos como a xustiza, a administración pública e o ensino.

Queremos Galego lembrará, tamén, o 17 de maio a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor homenexado no Día das letras galegas de 2020, cunha traxectoria ligada á defensa da lingua galega en todos os seus aspectos, a través dun manifesto que difundirá a través das redes sociais e que será elaborado pola discípula de Carvalho Calero, a profesora da Universdade da Coruña e activista pola lingua María do Pilar García Negro.

Comentarios