"Deberes" para o novo conselleiro de Lingua: A Mesa exixe a reactivación do Plan de normalización lingüística

O Plan está "absolutamente paralizado" cando se van facer 20 anos da súa aprobación por unanimidade parlamentar
Cartaz da Mesa pola Normalización Lingüística durante unha manifestación (Foto: A Mesa).
photo_camera Cartaz da Mesa pola Normalización Lingüística durante unha manifestación (Foto: A Mesa).

A Mesa pola Normalización Lingüística pediulle esta segunda feira á Xunta da Galiza que demostre "con feitos e non con aparencias" –en relación á creación da Consellaría de Cultura, Lingua e Mocidade que dirixirá José López– o seu compromiso co futuro do galego. "É imprescindíbel que os poderes públicos se poñan á fronte da situación de emerxencia lingüística e garantan  o dereito ao uso do galego e a súa presenza e dispoñibilidade en todos os ámbitos", reclamou Marcos Maceira, presidente da asociación do galego.

A entidade indicou que respecto do galego existen acordos que deben ser cumpridos e executados, lembrando que o Plan Xeral de Normalización Lingüística de Galiza está "absolutamente paralizado, cando se van facer 20 anos da súa aprobación por unanimidade parlamentar".

Este Plan conta con "obxectivos claros e 400 medidas concretas que é preciso reactivar, avaliar e revisar nalgún caso, mais é tamén unha necesidade para favorecer o uso do galego e comezar a reverter o estado de emerxencia no que se encontra o idioma de Galiza".

Para A Mesa, os ámbitos que precisan maior urxencia na actuación son o ensino, na Administración, os servizos públicos e a sanidade, así como no audiovisual, pondo en marcha e avaliando o cumprimento de todas as accións previstas na iniciativa Xabarín, "tamén aprobada unanimemente por todas as forzas políticas con presenza no Parlamento de Galiza".

O presidente da Mesa valorou a existencia dun "maior interese na lingua" e espera que este cambio no Goberno da Xunta se traduza en "acordos maioritarios que permitan mudar a situación", polo que ao Goberno galego só lle pide "responsabilidade e compromiso co idioma de Galiza"

 

Comentarios