xoves 28.05.2020
Lingua

Chamada a chiar ás 22 horas denunciando o desprezo pola lingua #OGalegoNonÉUnVirus

A Mesa pola Normalización Lingüística promove unha acción nas redes sociais para esta sexta feira ás 22 horas para denunciar que o presidente da Xunta segue sen empregar o galego nas súas intervencións
Campaña da Mesa (Arquivo).
Campaña da Mesa (Arquivo).

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta sexta feira que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, segue sen empregar o galego nas súas intervencións públicas, que o cuestionario do persoal que atende o teléfono da COVID-19 está en castelán e que a páxina para as videoconferencias das docentes non ten opción de galego. Por todo isto, anima a chiar co cancelo #OGalegoNonÉUnVirus esta sexta feira ás 22 horas no Twitter. 

As queixas polo desprezo de Feixoo ao galego son variadas en todas as redes sociais. A plataforma Queremos Galego mantén unha petición en liña ao presidente da Xunta para que "exerza de presidente" e tome todas as medidas necesarias para preservar a integridade e a saúde da cidadanía galega, ofrecéndolle información clara e precisa, na súa lingua.

As persoas galegofalantes que chamen ao número de información sobre o coronavirus, o 900 400 116, non poden ser atendidas na súa lingua porque as traballadoras nesta central de chamadas "teñen obriga de cinguirse a unha serie de puntos informativos que só teñen dispoñíbeis en castelán", segundo criticou A Mesa. 

E agora as docentes galegas atópanse con que non está dispoñíbel unha opción en galego para a plataforma que a Consellaría de Educación habilitou para realizar as videoconferencias co alumnado mentres dure a crise do coronavirus e as aulas teñan que ser virtuais. 

Todas estas situacións contrarias ao respecto pola lingua propia pódense denunciar co cancelo #OGalegoNonÉUnVirus a partir das 22 horas.

comentarios