Radiografía das linguas oficiais no Congreso: gañan peso da man das forzas nacionalistas malia a oposición frontal da dereita

Néstor Rego, do BNG, e Miriam Nogueras, de Junts, son os únicos representantes que se expresaron integramente nas súas respectivas linguas en todo momento, mentres tanto galego como catalán gañan minutos no hemiciclo tamén grazas a PSOE e Sumar e Vox e PP manteñen a súa negativa mesmo a utilizar os auriculares, o que xa ocasionou algunha grave confusión.
Un traballador do Congreso dos Deputados coloca en cada escano os auriculares para seguir as intervencións. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Un traballador do Congreso dos Deputados coloca en cada escano os auriculares para seguir as intervencións. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Pasaron menos de dúas semanas desde que o galego, o catalán e o euskera tornaron en idiomas de pleno dereito no Congreso dos Deputados e a súa autorización deu moito de que falar, desde o pleno no que se ratificou esta mudanza do Regulamento até as dúas sesións de investidura de Alberto Núñez Feixoo. Un Feixoo que, se ben na súa curta etapa como senador si pronunciou algunhas palabras na lingua propia da Galiza, na Cámara baixa rexeitou de pleno o seu uso, até o punto de ameazar con recorrer a medida no Tribunal Constitucional.

O primeiro idioma diferente do castelán en escoitarse no Congreso foi, precisamente, o galego, da man do socialista José Ramón Gómez Besteiro. A súa intervención, que iniciou en lingua galega e logo alternou ambas as dúas, provocou que a bancada completa do ultraespañolista Vox abandonase o hemiciclo. E repetiron o comportamento cando subiu á tribuna Borja Sémper, do PP, e nun discurso principalmente en castelán engadiu un par de frases en euskera, mais co fin último de reivindicar que non se deberían autorizar as linguas co status de oficialidade no Estado español.

Nesa mesma sesión plenaria, Feixoo non botou man dos auriculares en ningún momento, tampouco durante as quendas de EH Bildu e PNV, que mesturaron castelán e euskera que lle valeu unha resposta irónica do deputado do BNG, Néstor Rego: "Alégrome de que tivese tempo de aprendelo [o euskera] antes que o inglés". O propio Rego foi o primeiro en realizar unha intervención íntegra en galego neste Parlamento.

De feito, o Bloque confirmou que empregará sempre a lingua galega desde a tribuna, da mesma forma que os deputados e deputadas de Junts e ERC —malia que Gabriel Rufián pronunciou tamén algunhas palabras en castelán en sesións posteriores— no caso do catalán, mentres as de EH Bildu e PNV usarán as dúas indistintamente, mais incidindo na importancia de que o euskera siga a gañar espazos.

No Partido Popular teñen a consigna de dirixirse ao hemiciclo unicamente en castelán —a pesar de que a ex conselleira da Xunta da Galiza Rosa Quintana votou, por erro, a favor de permitir o uso do galego—, da mesma forma que en Vox e UPN. O grupo socialista e o confederal de Sumar, pola contra, dá unha maior liberdade aos seus parlamentarios e parlamentarias, e até o momento xa puidemos ver a Gómez Besteiro, por parte do PSOE, e a Marta Lois, por Sumar, dedicar parte das súas quendas ao galego, así como, dentro desta última formación a Aina Vidal (Comuns) en catalán. A súa líder, Yolanda Díaz, avanzou que se expresará en castelán por defecto agás cando a interpelen en galego.

O PP e Feixoo non queren saber nada do uso de todas as linguas oficiais no Congreso, até o punto de que o ex presidente da Xunta segue tanto sen falar en galego como sen utilizar eses "pinganillos" que leva tempo advertindo que non quere ver no hemiciclo. Os auriculares quizais evitarían a súa gran confusión coa intervención de Miriam Nogueras, de Junts, a pasada terza feira. "Malia non falarmos catalán, entendémola perfectamente: '[Dixo que] a amnistía é unha  cuestión de supervivencia lingüística". Iso foi o que entendeu o líder popular. O que realmente dixera Nogueras, porén, fora ben distinto: "Precisamos a independencia lingüística, cultural e económica da nosa nación".

E o seu discurso replícano o PP da Galiza e os altos cargos da Xunta da Galiza, pois xa se opuxeron en reiteradas ocasións ao uso do galego no Congreso español. Tanto o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, primeiro como o secretario xeral de Política Lingüística do Goberno galego, Valentín García, despois, referíronse a esta aprobación como "mercadeo". E o propio presidente, Alfonso Rueda, dixo que non lle "importa" que a lingua propia do país poida usarse en Madrid.

Contra Feixoo cargaron duramente os seus compatriotas encargados de debater con el durante o seu baldío de investidura. Tanto Marta Lois como Néstor Rego reprocharon o seu "desprezo" á lingua galega por pretender levar ao Constitucional o seu uso, así como por evitar falala en todo momento, e tamén a "ausencia da Galiza" e de compromisos co país que presidiu entre 2009 e 2022 no seu longo discurso.

O debate de investidura ratificou Rego (BNG) e Nogueras (Junts) como os únicos en empregaren as súas respectivas linguas en todo momento, así como Teresa Jordà, de ERC, que non utilzou o castelán na intervención na que substituíu Gabriel Rufián, que si falara algunhas palabras en español na súa quenda anterior. A lingua galega representou, a nivel global, uns 16 minutos das máis de 10 horas que duraron en conxunto as intervencións no pleno, fronte aos 15 do euskera e os máis de 50 minutos do catalán.

Comentarios