debate de investidura

Néstor Rego cualifica de "indignante e vergoñenta" a ausencia da Galiza no discurso de Feixoo

Rego cualificou o discurso de Feixoo de onte de “populista e hipócrita” e engadiu que “non ten credibilidade”. Deixou claro o voto contrario do BNG á súa investidura, “isto non colle ninguén por sorpresa, mais, hoxe aquí o importante é o por que”.
Néstor Rego no Congreso (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego esta cuarta feira no Congreso (Foto: Nós Diario).

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reprochou a Feixoo a ausencia da Galiza no seu discurso de investidura e que “mencionase as reivindicacións de todos os territorios, un a un, excepto da Galiza. É indignante, vergoñento”.

“Para Galiza, nada de nada”, censurou o deputado do BNG, quen evidenciou a discriminación do país na intervención do candidato do PP ao explicitar compromisos con todas as outras Comunidades Autónomas. “Ten que ser o BNG quen fale das necesidades dos galegos e das galegas”, enfatizou. Recriminoulle que “veña aquí desenvolver unha escenificación fundamentalmente para consumo interno porque no obxectivo da investidura xa fracasou. Para iso co voto do BNG non conte”.

Rego cualificou o discurso de Feixoo de onte de “populista e hipócrita” e engadiu que “non ten credibilidade”. Deixou claro o voto contrario do BNG á súa investidura, “isto non colle ninguén por sorpresa, mais, hoxe aquí o importante é o por que”.

“O BNG desmonta Feixoo e o PP”

Ironizou coas apelacións do PP de Galiza ao voto do BNG en base “a contar cun Presidente galego do Goberno español”. Subliñou que “xa temos a experiencia dun Presidente galego”, en referencia aos Gobernos de Raxoi, quen “baixou o investimento ao noso país, pasando de máis de 2000 millóns en 2010, a 936 en 2018. “Para iso serviu ter durante 7 anos a Raxoi de Presidente”, indicou.

Para alén das políticas de recortes e antisociais “que causaron maior desigualdade”, subliñou o rescate á banca con diñeiro público, a conxelación dos salarios dos empregados públicos e das pensións, a dura reforma laboral de 2012, que “infelizmente non foi derrogada polo actual Goberno nos aspectos máis regresivos” como elementos máis significativos do último goberno do PP. Así mesmo, salientou a “involución democrática” que supuxo a Lei Mordaza.

Por tanto, recalcou, “ser galego, sendo da dereita rancia do PP non só non é garantía de nada para a Galiza, senón máis ben certeza de políticas antigalegas. Non teño dúbidas de que se vostede fose elixido non vacilaría en aplicar medidas contrarias aos intereses do noso país, como tampouco vacilaron nunca os deputados e deputadas galegas do PP en votar en contra dos intereses de Galiza cando o PP goberna en Madrid”.

“Sabemos cal é o seu legado de 13 anos na Galiza”

En relación aos 13 anos de Goberno de Feixoo na Xunta, o deputado do BNG afirmou que “nós coñecemos ben as súas políticas porque as padecemos. Sabemos cal é o seu legado”, salientando os efectos máis negativos dos mandatos de Feixoo: “deixou un país en 2022 peor do que atopou en 2009, máis empobrecido, máis envellecido, máis precarizado”.

Neste sentido, puxo de manifesto a sangría demográfica, 105.00 habitantes menos entre 2009 e 2022. 375.000 persoas emigraron por “falta de oportunidades laborais”. Destacou as “nefastas políticas económicas” que provocaron o fechamento de numerosas empresas, explotacións agrarias e despezamento de barcos e a perda de máis de 40.000 empregos. Sen esquecer, puntualizou, que “triplicou a débeda pública da Galiza. En 2008 era de 3.954m, e en 2022 atinxiu os 11.314m.”

No eido social, Rego lembrou a Feixoo que non fixo “nin unha soa residencia en 13 anos, porque prefire que as empresas amigas do PP fagan negocio como Domus VI, involucrada en mala praxe durante a pandemia e que vostede se negou a investigar. Xa ten algo máis en común con Ayuso”.

O parlamentario do BNG explicou os retallamentos no ensino público co fechamento de 138 centros públicos e o incremento de dotacións para o ensino privado, “mesmo escolas que segregan por sexo”. “Recortou na sanidade pública para engordar o negocio da privada”, citando o Cunqueiro. Deteriorou a Atención Primaria “á que negou 200 millóns como propuña o BNG”. Censurou que Feixoo falase de fiscalidade xusta cando o PP “acaba de certificar un ‘pelotazo’ fiscal aos 7000 máis ricos aos que agasalla 34 millóns”.

Debullou as políticas de “maltrato” ao idioma galego que “lonxe de avanzar na normalización, perdeu falantes nos últimos 15 anos”, e mencionou as consecuencias regresivas do decreto de plurilingüismo. Aliás, nada aportou Feixoo en relación co autogoberno, “o seu papel foi nefasto: 0 competencias, 0 transferencias en 13 anos. E aínda dirá que é autonomista”.

"O PP opúxose e oponse a calquera avance social"

A todas estas razóns, Rego engadiu que “o PP opúxose e oponse a calquera avance social e de dereitos”, en alusión á lei do aborto, do divorcio, do matrimonio igualitario, á eutanasia, á liberdade sexual ou benestar animal, entre outros.

Comentarios