Besteiro celebra a "decisión valente" de Sánchez

"É un paso adiante rexenerador que nos vai a fortalecer", afirma o secretario xeral do PSdeG

Besteiro
photo_camera Gómez Besteiro

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou a "decisión valente" do presidente do Goberno español e líder do PSOE, Pedro Sánchez. "É un paso adiante rexenerador que nos vai fortalecer", destacou.

O líder dos socialistas galegos destacou que, na súa comparecencia na que comunicou a súa continuidade na Presidencia do Goberno español, Sánchez "lanzou un reto", que pasa "pola rexeneración democrática".

"Unha rexeneración" que, conforme indicou, "non vai nin de partidos socialistas, nin de esquerdas nin de dereitas" senón que compete "a toda a sociedade". "É un reto colectivo para fortalecela, para oxixenala, para facela máis grande e mellor para todos", sostivo.

Eneclaracións aos medios, Besteiro apelou á "responsabilidade da dereita" para sumarse á "rexeneración democrática". "É importantísimo para o noso país que a dereita, máis aló de que empatice ou non, sómese a ese proxecto de rexeneración democrática", sostivo.

Un día despois de que o PSdeG tivese en Compostela o Congreso Extraordinario no que Besteiro colleu formalmente o mando do PSdeG, o político lucense puxo en valor que Sánchez escoitase “todos os socialistas” que lle transmitiron estes días o apoio para continuar á fronte do Goberno.

Todo iso, dixo, cunha reflexión coa que demostrou tamén "ser un home destes tempos", que "expresa os seus sentimentos", pero que "tomou unha decisión valente de non dar un paso atrás e non ceder ao acoso", senón de "pórse á fronte da sociedade, do país e apostar pola rexeneración democrática".

Besteiro, que volveu rexeitar a "política suxa" que "non axuda á democracia" e fai "peor" o país, considerou que o paso dado por Sánchez tamén dá "un impulso cara a adiante" ao Partido Socialista.

"Estou absolutamente contento", dixo o socialista, que lembrou que este "paso adiante" é o que lle pedía o partido a Sánchez. "Eu expresaba que, nestes momentos, comprendendo e aceptando o compoñente persoal, non era momento de dar un paso atrás, ningún paso á beira, senón todo o contrario, un paso á fronte", sinalou para asegurar que "por iso a decisión foi recibida con tanta alegría".

Comentarios