VÍDEO | Néstor Rego convértese no primeiro deputado da historia en intervir integramente en galego no Congreso español

A pesar de haber un total de 23 deputadas e deputados no Congreso escollidas nas circunscricións galegas, só Rego confirmou antes da sesión desta terza feira que usaría o galego con normalidade, xa que os deputados do PP escollidos pola Galiza xa confirmaron que intervirán en español e está por ver os deputados de PSOE e Sumar optan por facelo, polo menos ocasionalmente, en lingua galega.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

Néstor Rego, deputado do BNG, converteuse de maneira oficial esta terza feira no primeiro deputado da historia do Congreso en utilizar unha lingua diferente do español de maneira íntegra na tribuna do hemiciclo sen lle ser retirada a palabra.

Así, a lingua propia da Galiza foi usada na tribuna na sesión constitutiva do Congreso polo deputado nacionalista por primeira vez como idioma permitido na Cámara Baixa, unha situación que a formación de Rego cualificaba de “anómala”.

Tiveron que pasar máis de catro décadas para que as linguas oficiais do Estado español diferentes do castelán fosen recoñecidas como linguas utilizábeis no principal órgano lexislativo estatal.

Porén, e a pesar de haber un total de 23 deputadas e deputados no Congreso escollidas nas circunscricións galegas, só Rego confirmou antes da sesión desta terza feira que usaría o galego con normalidade, xa que os deputados do PP escollidos pola Galiza xa confirmaron que intervirán en español e está por ver os deputados de PSOE e Sumar optan por facelo, polo menos ocasionalmente, en lingua galega. Algún deles, como José Ramón Gómez Besteiro (PSOE) xa anunciou que nalgunha ocasión intervirá en galego. De feito esta terza feira, Besteiro xa intreveu de maneira parcial en lingua galega.

A este respecto, Rego aplaudiu que o PSOE cambiase de posición e se posicione agora a favor do uso das linguas cooficiais no Congreso, despois de oporse o ano pasado. "Non sei con que grao de convicción, pero é positiva esa posición", expresou. Así, Rego lembrou que os socialistas se opuxeron en xuño de 2022 a unha iniciativa do mesmo tipo, votando "exactamente igual que PP, Vox e Ciudadanos".

"Case 20 anos despois desta reivindicación do deputado Francisco Rodríguez, dáse un paso que, a pesar de ser simbólico, é un paso máis na normalización", finalizou Néstor Rego.

Rego citou durante o seu discurso a Castelao e indicou que “no BNG somos os herdeiros do Partido Galeguista da II República”. O deputado nacionalista tamén cargou contra Núñez Feixoo ao que acusou de "renegar da lingua do seu pobo".

Aliás, a deputada e portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, tamén intreviu de maneira parcial en galego, mesturado con castelán, facendo a maioría do discurso nesta última.

Desta forma, practicamente só as forzas nacionalistas e soberanistas na Cámara Baixa reiteraron a súa intención de utilizar as súas linguas de maneira habitual e íntegra. Ademais de Rego, usarán unha lingua diferente ao español as deputadas de ERC e Junts, que usarán o catalán e as deputadas de EH Bildu e PNV que, segundo aseguraron, compaxinarán o uso do euskera co castelán.

Tamén se poderá usar o asturiano ou o aragonés, aínda que neste caso os deputados que desexen facelo deberán “autotraducirse” por non ter estas rango de lingua oficial. En concreto, o deputado da Chunta Aragonesista, Jorge Pueyo, xa avanzou que utilizará o aragonés, segundo lle interese, como, segundo dixo, facía Pedro IV, 'o Cerimonioso'. No seu caso, deberá traducir el propio as súas palabras. O mesmo terá que facer o deputado aranés do PSC, Amador Marqués, se decide utilizar esa lingua.

PP e Vox, só en español

Quen se dá por seguro que non usarán ningunha das linguas oficiais distintas ao castelán son os deputados do PP e Vox, cuxos partidos anunciaron senllas emendas de totalidade á reforma do Regulamento.

No caso do PP, o seu portavoz, Borja Sémper, dixo esta segunda feira que os populares non farán "o canelo para a galería". "Entendemos que temos unha lingua común para comunicarnos", sinalou a semana pasada a portavoz de Vox no Congreso, Pepe Millán.

Comentarios