Parlamento

A Xunta volve cualificar de "mercadeo" o uso do galego no Congreso e cuestiona "cantos neofalantes" conseguirá

A nacionalista Mercedes Queixas pregúntalle ao responsábel de Política Lingüística se apoia a ameaza de Feixoo de recorrer a norma no Constitucional, ao que responde: "Teño que dimitir eu por algo que pasou no Congreso?".
Vista xeral do hemiciclo do Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista xeral do hemiciclo do Congreso. (Foto: Europa Press)

A deputada do BNG Mercedes Queixas censurou esta sexta feira no Parlamento da Galiza que o Partido Popular votase en contra de permitir o uso da lingua galega no Congreso e preguntoulle ao responsábel de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, polo feito de que quen fora o seu presidente durante máis dunha década, Alberto Núñez Feixoo, encabezase a oposición a este "avance histórico" para o idioma propio do país. "Apoia vostede a ameaza de Feixoo de que vai recorrer o uso do galego ao Constitucional?", interpelou a parlamentaria nacionalista, que censurou que Valentín González non respondese as cuestións formuladas.

Ademais, sostivo que o secretario xeral de Política Lingüística é "un dos grandes protagonistas do libro negro da cultura galega". "Están sós, a sociedade galega camiña noutra dirección a favor do galego", reprochoulle a parlamentaria, que lle preguntou por "cantos días tardará en dimitir".

A iso, García respondeu ofrecendo diferentes estatísticas sobre o uso do galego, en comparación co catalán e o euskera. "Teño que dimitir eu por algo que pasou no Congreso?", replicou o responsábel de Política Lingüística, que destacou que 98% dos habitantes da Galiza entenden o galego, fronte ao 94% do catalán e o 56% do euskera nos seus respectivos territorios.

A respecto da aprobación do uso do galego no Congreso, Valentín García, asegurou que discrepa co "método" adoptado, se ben defendeu que "todos os avances que haxa para a lingua son bos e positivos". Tamén criticou que o BNG leve á Cámara galega o que cualificou como "asuntos do parlamento de Madrid". "Vostedes teñen representación no Congreso, creo que deben ser e foron debatidos alí", afirmou.

Despois de lembrar, ademais, que o propio conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, xa se pronunciou sobre esta cuestión no pleno —cando o cualificou de "mercadeo"—, Valentín García criticou que o uso das linguas cooficiais no Congreso se introducise no debate nun momento de "tsunami político" cando se fala de "asuntos tan gordos como a autodeterminación, a amnistía ou a condonación da débeda de 240.000 millóns" a Catalunya. "Unha vez máis sacan as linguas. Por que? Porque é un tema moi identitario, de pegar golpe, porque as linguas ao final non sofren nin padecen, non se queixan, non custan diñeiro e, iso si, enarboran bandeiras e acenden os ánimos", argumentou.

Por iso, considerou que cando se "ve un lume" non se quere "arder nel". "E o que fixeron foi meter as linguas nun lume ao que non estaban chamadas", sostivo, para asegurar que a Xunta non se manifesta sobre se hai que falar as linguas cooficiais no Congreso. "O que dicimos é que non hai que tratalas así, e menos neste momento, desta forma tan desvirtuada", considerou.

"Aprobouse no Senado e non pasou nada", dixo o responsábel de Política Lingüística, que se preguntou "canta xente" na rúa "tiña presente neste momento que se podían utilizar" na Cámara alta. Así mesmo, Valentín García cuestionouse "cantas" neofalantes de galego poderán conseguirse a partir do uso do galego no Parlamento español e afeou ao Goberno estatal que utilizase o asunto para "mercadear" —seguindo a estela do conselleiro— como, segundo indicou, se observou coa actuación do ministro de Exteriores en funcións, José Manuel Albares, en Europa, ao priorizar a aprobación do catalán.

"Porque é unha moeda de cambio, non se está falando de lingua, está a falarse de pago, de trato", censurou, para indicar que sen consenso "os avances van ser pírricos". "Non se pode chegar á conta de calquera cousa, hai que facelo de forma ordenada", apuntou.

Comentarios