Yolanda Díaz só usará o castelán no Congreso excepto cando a interpelen en galego

"Son vicepresidenta en funcións e vou facelo en castelán. Se me interpelan na miña lingua materna, en galego, responderei en galego, como creo que teño que facer", precisou a líder de Sumar.
Yolanda Díaz esta terza feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Yolanda Díaz esta terza feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A vicepresidenta segunda do Goberno español en funcións e líder de Sumar, Yolanda Díaz, explicou esta cuarta feira que utilizará o castelán nas súas intervencións no Congreso en “base ao cargo que ostenta”, e o galego só se a interpelan nesa lingua.

"Son vicepresidenta en funcións e vou facelo en castelán. Se me interpelan na miña lingua materna, en galego, responderei en galego, como creo que teño que facer", precisou ao preguntárselle respecto diso nunha entrevista en Catalunya Ràdio.

Despois de que o galego, catalán e euskera se puidenen utilizar esta terza feira por primeira vez no Congreso, asegurou que foi un día "emocionante".

"Desde onte o noso país é mellor, parécese máis á súa xente. É un país que crece coa riqueza non só lingüística, tamén coa diversidade do noso país. Vimos a España real", aseverou.

As linguas oficiais na UE

Sobre que a UE pospuxese a decisión sobre a oficialización do catalán antes do que o galego e o euskera, apuntou que o Goberno estatal traballará para conseguilo, a pesar de recalcar que "non depende" soamente deles.

"O debate sobrevindo que vimos estes días non depende do Goberno, pero o Goberno está a deixarse a pel, incluso os parlamentarios. Cónstame que o compromiso é absoluto", sinalou.

Comentarios