O Congreso autoriza a lingua galega e Feixoo ameaza con recorrer ao Constitucional

A ex conselleira Rosa Quintana, única deputada do PP en votar 'si' por erro a unha reforma do Regulamento que sae adiante con 180 votos a favor e que Alberto Núñez Feixoo ameaza con recorrer por "inconstitucional".
Exterior do Congreso dos Deputados, onde desde esta quinta feira pode falarse oficialmente en galego. (Foto: Marcos Villaoslada / Europa Press)
photo_camera Exterior do Congreso dos Deputados, onde desde esta quinta feira pode falarse oficialmente en galego. (Foto: Marcos Villaoslada / Europa Press)

Fito histórico para a lingua galega. O Congreso dos Deputados aprobou esta quinta feira definitivamente a reforma do seu Regulamento interno para autorizar o uso do galego, o euskera e o catalán no hemiciclo, unha proposta que contou con 180 votos a favor, 170 en contra e ningunha abstención. Foi un apoio máis dos esperados, pois a deputada 'popular' e ex conselleira Rosa Quintana emitiu un 'si' por erro. Aos impulsores da iniciativa —PSOE, Sumar, BNG, ERC, PNV e EH Bildu—, sumáronse Junts e Coalición Canaria.

As formacións nacionalistas celebraron este paso adiante e lembraron tamén que o PSOE impediu na pasada lexislatura que se tramitase esta mesma reforma. Mais hoxe era "máis necesaria que nunca" porque a dereita converteu as linguas "nunha ferramenta de confrontación", alegou o socialista Marc Lamuá. Tamén cuestionou que a aplicación desta norma implique "malgastar" cartos públicos e preguntouse se, precisamente, "malgastar" non o é o que fai a Oficina del Español, "o chiringuito" que a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, "montou" para Toni Cantó.

Desde o Partido Popular, Borja Sémper, desta volta só en castelán, defendeu a "lóxica elemental" de falaren "no idioma común". E o seu líder, Alberto Núñez Feixoo, ameazou na rolda de prensa posterior ao pleno con recorrer ante o Tribunal Constitucional o uso das linguas oficiais desde a tribuna previa aprobación da normativa: "Non hai ninguén que poida dar por aprobada unha lei antes da súa entrada en vigor", xustificou, sobre os posíbeis "indicios de inconstitucionalidade" no uso de idiomas distintos do castelán en sede parlamentaria.

Tamén deslizou que podería incumprirse a Lei de Contratos cos contratos menores para as e os intérpretes. Feixoo acusou o Goberno en funcións de "trapichear" coas linguas para reeditar a investidura de Pedro Sánchez.

Galego na UE e outras reivindicacións lingüísticas

Néstor Rego, o deputado do Bloque, pediu na súa quenda ao Goberno español que recúe na Unión Europea e non "priorice" a oficialidade do catalán: "Os galegos e as galegas non somos máis que ninguén, pero tampouco menos", dixo.

E reivincativa foi tamén a intervención de Bel Pozueta, de EH Bildu, que denunciou a "discriminación" das persoas falantes de euskera en Nafarroa por mor, apuntou, "das políticas de UPN e PSOE".

Este debate que pasará á historia do Congreso deixou outro momento para o recordo, o discurso en lingua aragonesa de Jorge Pueyo, deputado da Chunta (Sumar): "Censuráronnos toda a vida, non puiden estudar na miña lingua. O único o que pido é respecto polas linguas". O aragonés, igual que o asturiano, o aranés ou o occitano, non goza do mesmo status de oficialidade que galego, catalán e euskera, polo que para empregalos as e os deputados deberán autotraducirse.

Comentarios