VÍDEO | O uso da lingua galega provoca que os deputados de Vox abandonen o pleno do Congreso

Os deputados e deputadas de Vox abandonaron esta terza feira o pleno do Congreso polo uso da lingua galega na tribuna da Cámara Baixa. Após tentar interromper o discurso de José Ramón Gómez Besteiro, que falou de maneira parcial en galego, os membros de Vox levantáronse e abandonaron o hemiciclo ao tempo que deixaron os auriculares no escano do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.
Os deputados de Voz abandonan o pleno do Congreso (Foto: Congreso).
photo_camera Os deputados de Voz abandonan o pleno do Congreso (Foto: Congreso).

Os deputados e deputadas de Vox abandonaron esta terza feira o pleno do Congreso polo uso da lingua galega na tribuna da Cámara Baixa.

Após tentar interromper o discurso de José Ramón Gómez Besteiro (PSOE), que falou de maneira parcial en galego, os membros de Voz levantáronse abandonaron o hemiciclo o tempo que deixaron os auriculares no escano do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

Neste contexto, a portavoz de Vox no Congreso, Pepa Rodríguez, pediu a palabra pero a presidenta da Cámara, Francina Armengol, non lla deu alegando que non podía interromper o orador.

José Ramón Gómez Besteiro foi o primeiro deputado da Cámara Baixa en usar o galego, se ben de forma parcial. Comezou co uso do español para despois dar paso ao galego e ir alternando entre as dúas linguas.

Besteiro tamén criticou a postura do PP acerca da cuestión do uso das linguas oficias no Congreso, en especial á portavoz do grupo popular, Cuca Gamarra.

Besteiro tamén aproveitou para citar a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ao dicir que “a lingua é a gran obra de arte dun pobo”.

Despois foi a quenda de Marta Lois (Sumar) que tamén botou man do galego para intervir, parcialmente, en lingua galega.

Lois tamén citou Castelao, en concreto as súas palabras na propias cortes españolas durante a II República española en que pedía non criminalizar a lingua galega e o seu uso. Lois tamén afeou, en castelán, a Alberto Núñez Feixoo que usase o galego no Parlamento galego mais que se negue a facelo no Congreso español.

Lois, porén, pronunciou a gran maioría do seu discurso en español, facendo só o inicio e o final en lingua galega.

Catalán

O galego deu paso ao catalán, da man do deputado de ERC, Gabriel Rufián, que criticou a postura das “extremas dereitas” e a súa actitude ante a pluralidade lingüística.

Rufián ironizou co uso do inglés, ao asegurar que no Congreso se teñen usado moitas palabras inglesas e que os deputados de Vox e PP nunca se queixaron mais que co uso de galego, catalán e euskera “son intolerantes”.

Euskera

Despois do uso da lingua galega e catalá, foi a quenda do euskera, da man de EH Bildu e da súa deputada Mertxe Aizpurua que asegurou que “agora falamos euskera en Madrid, mais queremos tamén falar euskera en Euskal Herria”.

“Por moito que lles doia, somos unha nación e a nosa lingua une. Non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos”, acrecentou.

Continuou Joseba Agirretxea Urresti, do PNV, que indicou que “falar aquí euskera non tería sido posíbel de non ser por quen loitou antes que nós na defensa da nosa identidade”.

Agirretxea proseguiu apuntando á hipocrisía do PSOE xa que “o ano pasado propuxemos algo ben parecido ao que estamos a facer hoxe, e votaron en contra. De todas as formas, damos a benvida a esta nova postura do PSOE”.

Comentarios