O conselleiro de Cultura refírese á oficialización do galego no Congreso como "mercadeo"

Román Rodríguez censurou que o que está detrás da inclusión das linguas oficiais o que está é unha condonación da débeda a Catalunya. Diso "non se quere falar, que parte da torta vai pagar" "Dáme pena o mercadeo", dixo, sobre "un uso tan íntimo como o da lingua".
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na Cámara. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na Cámara (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Cultura, Educación e Formación Profesional, Román Rodríguez, manifestou a súa "pena" polo "mercadeo" do galego e o resto de linguas no Congreso, algo que, sostén, non se corresponde con trasladar o que é "normal" na rúa ás Institucións, senón que se "resume", dixo, en que "Moncloa ben vale un ‘pinganillo’".

Con estas palabras contestou á deputada socialista Noa Díaz, quen reivindicou que se trata unha medida de "diversidade" no Estado. "Moléstalles a reivindicación da multiculturalidade, iso é o que lles molesta, ou pode ser que tamén lles molesta o galego, que debería ser un motivo de orgullo e non de vergoña", defendeu.

"Débeda con Catalunya"

Román Rodríguez censurou que o que está detrás da inclusión das linguas oficiais o que está é unha condonación da débeda a Catalunya. Diso "non se quere falar, que parte da torta vai pagar" "Dáme pena o mercadeo", dixo, sobre "un uso tan íntimo como o da lingua".

O conselleiro de Cultura incidiu en que é un novo "exemplo do "eu non minto, eu cambio de opinión" e cuestionou a veracidade das intencións debido a que hai apenas uns meses "votaron rotundamente non a unha medida idéntica".

Ademais, afeou aos socialistas de "presumir" de multiculturalidade e despois ir a Europa e priorizar o catalán. "O galego non é un idioma de segunda", salientou. "Entre o marrón da UE e o marrón que lle supón nun mes votar o contrario", dixo Rodríguez, para cuestionar a medida implantada.

Nese mesmo sentido, criticou que se diga que supón "facer normal" nas institucións o que é "normal" na rúa, porque, xustificou, no territorio estatal vaise dun sitio a outro e a xente comunícase cun idioma común.

Pola súa parte, Díaz acusou Alberto Núñez Feixoo de "soberbia e falta de respecto" por non usar o tradutor. "Como se explica que quen foi presidente nin sequera usase os auriculares", preguntouse, ironizando con que co "catalán" podería entenderse porque "seguro que o fala na intimidade", pero é "unha falta de respecto" co euskera. "O galego deféndese falando, aquí e en Madrid", salientou.

Comentarios