Feixoo, contra o uso do galego nas Cortes: "Non concibo un Congreso con pinganillo"

"Son galego e falo as dúas linguas, pero non concibo un Congreso con pinganillos. Se todos os políticos nos comunicamos na lingua común, non procede que os cidadáns paguen para entendernos no hemiciclo", proclamou o líder do PP estatal.
Alberto Núñez Feixoo en rolda de prensa (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo en rolda de prensa (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

O líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, asegurou esta cuarta feira que non concibe un Congreso dos "con pinganillos", aínda que el é galego e fala as dúas linguas. Así criticou que a cidadanía "pague" para que os políticos se entendan nas sesións da Cámara Baixa cando poden comunicarse en castelán.

"Puigdemont e Díaz non necesitaron tradutor", afirmou Feixoo nunha mensaxe na rede social 'X', antiga Twitter, en alusión ao encontro que mantiveron a pasada segunda feira en Bruxelas a vicepresidenta segunda do Goberno en funcións, Yolanda Díaz, e o ex president da Generalitat, Carles Puigdemont.

Feixoo expresou o seu rexeitamento á reforma ‘exprés’ do Regulamento de Congreso que prepara o PSOE para usar galego, catalán e euskera no debate de investidura do líder do PP previsto para os días 26 e 27 de setembro.

"Son galego e falo as dúas linguas, pero non concibo un Congreso con pinganillos. Se todos os políticos nos comunicamos na lingua común, non procede que os cidadáns paguen para entendernos no hemiciclo", proclamou.

A proposición

En concreto, o Partido Socialista está a preparar unha reforma exprés do regulamento do Congreso para poder utilizar o galego, o catalán e o euskera no debate de investidura de Feixoo.

O plan é rexistrar unha proposición de lei esta mesma semana, pactado coas formacións nacionalistas e soberanistas, con idea de que poida ser admitida pola Mesa do Congreso na súa reunión da próxima terza feira e se tramite polo procedemento de urxencia, o que supón acurtar os prazos parlamentarios á metade.

Mentres a proposición de lei se aproba no Pleno, para o que necesita maioría absoluta, a Mesa do Congreso, grazas a esa maioría de PSOE e Sumar, iría xa contratando tradutores e intérpretes para o debate da investidura de Feixoo.

Comentarios