VÍDEO | O galego dá o salto ao Congreso: así foron as primeiras intervencións de Besteiro, Lois e Rego

A tramitación da reforma do Regulamento da Cámara sae adiante con 176 votos a favor, dúas abstencións e a oposición de PP, Vox e UPN. Os galegos José Ramón Gómez Besteiro, do PSOE; Marta Lois, de Sumar, e Néstor Rego, do BNG, estrearon o idioma propio da Galiza.
José Ramón Gómez Besteiro, Marta Lois e Néstor Rego. (Foto: Congreso)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, Marta Lois e Néstor Rego, intervindo en galego esta terza feira. (Fotos: Congreso)

Fito histórico para a lingua galega. Na sesión plenaria desta terza feira no Congreso dos Deputados, precisamente na que se debatía unha significativa mudanza no Regulamento da Cámara que permita o uso dos idiomas con status de cooficialidade no Estado español —galego, catalá e euskera—, a lingua propia do país resoou no hemiciclo a través de tres parlamentarios elixidos nas circunscricións galegas: o socialista José Ramón Gómez BesteiroMarta Lois, de Sumar, e Néstor Rego, do BNG.

Como era de esperar, a tramitación da reforma do Regulamento recibiu a luz verde con 176 votos a favor, 169 en contra e dúas abstencións —un total de 347 votos emitidos, 335 deles presenciais e 12 telemáticos, polo que tres deputados non se pronunciaron ao respecto, o que segundo fontes parlamentarias puido deberse a un erro na emisión do sufraxio—. Contou finalmente co apoio de Junts e Coalición Canaria e só se opuxeron UPN, Vox e PP, cuxo encargado de subir á tribuna, o vasco Borja Sémper, si dixo algunhas palabras en euskera malia afirmar esta mesma segunda feira que falar na Cámara calquera lingua distinta do castelán sería "facer o canelo".

José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG-PSOE)

A primeira quenda foi para o número 1 do PSdeG-PSOE por Lugo, que celebrou a "dobre honra" de poder estrear o novo sistema de tradución simultánea na que é, dixo, a súa lingua materna, o galego. Unha lingua que tamén simboliza "a riqueza e a diversidade cultural" do Estado español, engadiu. Besteiro, que alternou no seu discurso galego e castelán, defendeu a proposta impulsada por PSOE, Sumar, BNG, EH Bildu, PNV e ERC para incluír tres novas linguas no Congreso, gabándose de ter "a sorte de falar varios idiomas".

E o socialista non desaproveitou a ocasión de cargar contra o Partido Popular, cuxo líder na Galiza, o tamén presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reduciu esta terza feira a estrea do galego na Cámara baixa a "unha cesión a Puigdemont". "Como galego, dóeme que o partido que goberna na Galiza queira impedir que a nosa lingua se fale no Parlamento de España", replicou Besteiro. As súas palabras na lingua da Galiza provocaron que a bancada de Vox ao completo abandonase o pleno e depositase en sinal de protesta contra a admisión de novos idiomas os seus auriculares no escano baleiro de Pedro Sánchez, que se desprazou a Nova York para participar dos encontros diplomáticos da ONU.

Marta Lois (Sumar)

A nova portavoz parlamentaria da coalición Sumar, Marta Lois, que tamén botou man tanto de galego como de castelán e comezou, após dar o 'bo día' nas catro linguas desde agora recoñecidas no Congreso, lembrando as palabras doutro deputado, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, en 1931: "O noso idioma galego debe merecer toda a vosa simpatía, porque é a lingua do traballador, do obreiro, do artesán, do labrego, do mariñeiro. A resurreción da nosa lingua no século XIX foi un revivir da democracia, e os poetas galegos foron os creadores do alento civil da miña terra".

Lois proseguiu defendendo esta emenda ao Regulamento salientando que a súa formación "non é separatista" por levala a debate, reiterando as palabras de Castelao. "Porque se 'separatismo' vén de 'separar', 'separatista' será quen non queira que o galego sexa un idioma español", subliñou a deputada.

Néstor Rego (BNG)

E, posteriormente, o nacionalista Néstor Rego realizou a primeira intervención integramente en galego na Cámara. "Hoxe é o día das linguas e da democracia. É o recoñecemento práctico de que neste estado convivimos nacións e probos diferentes, que temos lingua propia e dereito a usala", celebrou o portavoz do BNG neste Parlamento.

Para Rego, "hoxe o galego dá un paso máis e detrás virán outros", e o compromiso do BNG, apuntou, "é continuar a traballar para que este recoñecemento de que somos un pobo con lingua propia, que temos dereito a usala con normalidade, ser torne no recoñecemento de que somos unha nación con dereitos". "Porque nós soñamos unha Galiza libre e próspera cunha lingua plenamente normalizada", concluíu.

Comentarios