Feixoo ameaza con recorrer no Constitucional o uso do galego no Congreso

O líder 'popular' garantiu que o seu partido vai defender a constitución española e que a súa asesoría xurídica estudará se hai indicio de inconstitucionalidade no uso das linguas oficiais distintas do castelán en sede parlamentaria.
Alberto Núñez Feixoo no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O presidente do PP español, Alberto Núñez Feixoo, anunciou esta quinta feira que o seu partido non descarta recorrer ante o Tribunal Constitucional o uso das linguas oficiais antes da entrada en vigor da reforma do Regulamento aprobada no Congreso a tal fin e que estudará se hai un posíbel incumprimento da Lei de contratos do Estado.

"Non hai ninguén que poida dar por aprobada unha lei antes da súa entrada en vigor", subliñou Feixoo en rolda de prensa na Cámara Baixa tras a aprobación, co voto en contra do PP e Vox, da citada reforma regulamentaria.

O líder 'popular' garantiu que o seu partido vai defender a constitución e que a súa asesoría xurídica estudará se hai indicio de inconstitucionalidade no uso das linguas oficiais distintas do castelán en sede parlamentaria.

En concreto, denunciou que desde esta terza feira púidose utilizar o galego, catalán e euskera no Congreso antes da aprobación da mencionada reforma do Regulamento, unha situación que "nunca se viu en ningún Parlamento democrático". "Isto é o contrario á democracia", remachou.

Feixoo lamentou que, con esta decisión, non só se rompeu "un consenso das regras do xogo do Congreso, xa que as reformas de Regulamento adoitaban contar co voto dos dous grandes partidos". Ademais, subliña que agora é "moito máis difícil entenderse" no Congreso.

“Trapicheo de linguas”

Ao seu xuízo, Pedro Sánchez cobrou "o primeiro pago" do exixido por nacionalistas e soberanistas para seguir sendo presidente. "E lamentabelmente non o fixo para defender as linguas, senón para emendar a derrota electoral e seguir sendo presidente", insistiu o líder dos 'populares', antes de acusar o presidente do Goberno en funcións de "trapichear" coas linguas.

Pero, ademais, os letrados do PP, dixo Feixoo, tamén estudarán se se puido incumprir a Lei de Contratos do Estado co fraccionamento en contratos menores dos tradutores que prestan servizo na Cámara desde esta semana.

Comentarios