Consello da Xunta

Rueda di que "como presidente" non lle "importa" o galego no Congreso

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, considera que hai cuestións "máis importantes" que a oficialidade do galego no Congreso. Por exemplo, apunta, canto lle vai "custar" a Galiza a negociación do PSOE "cos independentistas cataláns" para lograr o apoio á investidura de Pedro Sánchez. "Como presidente da Xunta o que me importa é iso [o 'custo' desas negociacións] e non o idioma que se fale no Congreso".
Alfonso Rueda, ao remate do Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alfonso Rueda, ao remate do Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: Arxina)

A oficialidade do galego no Congreso segue a perseguir a Alfonso Rueda. Boa parte das preguntas da prensa na comparecencia do presidente após o Consello da Xunta desta quinta feira foron sobre este tema. Un tema que para o máximo representante institucional da Galiza é algo que o goberno do Estado e as forzas soberanistas usan para "ternos entretidos cos pinganillos" e así non se centrar "no importante".

E o importante é, explicou Rueda, os miles de millóns que asegura está negociando o Goberno estatal en funcións cos independnetistas para dar a Catalunya. "Como presidente da Xunta o que me importa é iso e non o idioma en que se fale no Congreso". Porque, proseguiu, "non nos fai máis ou menos galegos defender iso" [a oficialidade da lingua na Cámara baixa española], xa que "o que nos fai máis galegos é que non nos quiten recursos para darllo a outros".

Mais non rematou aí o tema. Outra pregunta da prensa sobre a oficialidade no Congreso levou ao presidente a afirmar que o momento actual non era o máis propicio para ese debate. "Nin de broma", enfatizou, "non son as circunstancias en ningún caso". Hai cuestións, reiterou, "moito máis importantes".

Representación do PP na Cámara baixa

Preguntado por Nós Diario sobre a petición dos asinantes do manifesto Queremos galego tamén no Congreso de que os deputados e deputadas galegas nesa Cámara empregasen a lingua propia da Galiza nas súas intervencións, Rueda avalou que os deputados do PP que así o desexen poidan utilizar o galego no Congreso.

"A medida está en vigor, se os galegos deciden utilizala están no seu dereito, tamén os do PP", dixo. Unha afirmación que fixo apenas transcorridas dúas horas despois de que votasen en contra dese dereito os deputados do PP —incluídos todos os galegos agás Rosa Quintana, que por erro votou a favor—.


Eleccións

Tamén preguntou a prensa ao presidente sobre se ía haber convocatoria de eleccións galegas antes de finalizar este ano. "Se digo si ou non pódense sacar conclusións nun ou outro sentido, así que o mellor é dicir que estamos gobernando e centrados no noso traballo".


Medidas aprobadas

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira diferentes medidas e actuacións. Entre elas, unha guía para o plan de benestar emocional da comunidade educativa galega. "Queremos avanzar na prevención de situacións de dificultade emocional na escola", explicou Rueda, que avanzou que un dos obxectivos que todos os centros de ensino conten cunha persoas coordinadora nesta materia.

Tamén deu o visto e prace onte a reunión do Goberno galego a elaborar un plan estratéxico da industria da madeira, unha folla de ruta para os vindeiros anos en cuxa elaboración, anunciou Rueda, xogará un papel importante o propio sector madeirista.


O modelo de gratuidade de libros escolares "non funciona"

Foi unha das primeiras decisións do Partido Popular ao voltar ao Goberno da Xunta da Galiza en 2009: acabar coa gratuidade dos libros de texto. O Diario Oficial da Galiza (DOG) de 9 de agosto daquel ano, apenas tres meses despois de que Alberto Núñez Feixoo tomase posesión como presidente, publicaba a orde que finiquitaba a gratuidade universal dos libros de texto nos colexios públicos da Galiza.

O actual titular da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu onte esa supresión da medida. "Houbo un modelo, que era o do bipartito [Goberno galego de coalición entre o PSdeG e o BNG] que non funcionaba ben, e nós optamos por un modelo que si funciona", manifestou, en referencia á política de axudas para adquirir libros.

Preguntado sobre se non era incoherente rexeitar a universalidade para os libros de texto mais si aplicala para os bonos deportivos que Rueda anunciou a semana pasada, o presidente limitouse a indicar que "son cousas diferentes". Defendeu Rueda que o seu anuncio sobre este bono de 120 euros para familias —independentemente do seu poder adquisitivo— con fillos e fillas federados nalgún deporte "tivo unha magnífica acollida entre as familias". A oposición acusou a Rueda de, con este anuncio, "abrir a súa campaña electoral para os comicios galegos de 2024".

Comentarios