Zelenski sostén que non asina a paz con Rusia porque Moscova a incumpriría

As autoridades letoas fechan un medio privado ruso acusándoo de apoiar as Forzas Armadas de Moscova, entrementres, Zelenski continúa fechando a porta á posibilidade de negociar a paz.
Ataque ruso en Khárkiv. (Foto: Ukrinform / dpa)
photo_camera Ataque ruso en Khárkiv. (Foto: Ukrinform / dpa)

Arredor de potenciais conversas con Moscova para negociar un acordo que poña fin ás hostilidades na guerra en Ucraína, o presidente do país, Volodimir Zelenski, ratificou a terza feira a súa negativa a un acordo con Rusia xustificándose en que o Estado dirixido por Vladimir Putin acaba por incumprir todos os pactos que asina.

Cualificando Rusia de “terrorista”, Zelenski citou o Memorando de Budapest en 1994, no que Ucraína se comprometeu a devolver as armas nucleares a cambio de garantías de seguridade sobre a súa integridade territorial. “Ceder calquera elemento de seguridade a Rusia significará unha nova guerra”, insistiu.

No plano militar, o alcalde de Donetsk, Alexei Kulemzin, comunicou que ataques do Exército ucraíno contra a cidade provocaron tres mortes e feridas en 11 persoas, mentres as autoridades rexionais cifraron en 50 os proxectís lanzados contra a urbe, Gorlovka e Yasinovataya.

Asemade, as autoridades rusas apuntaron que o aeroporto de Kursk, perto da fronteira con Ucraína, foi atacado cun dron suicida sen deixar vítimas, 24 horas despois dos ataques contra aeródromos militares no interior de Rusia, que tamén atribúen a Ucraína.

No oblast de Kíiv, onde se sitúa a capital ucraína, Oleksi Kuleba, o gobernador rexional, avanzou que a subministración eléctrica da metade dos fogares tardará varios días en recuperarse despois da vaga de ataques rusos da segunda feira contra instalacións enerxéticas, e que, segundo Zelenski, foi freada na súa maioría polas defensas anti aéreas ucraínas.

Amais, Kíiv e Moscova confirmaron que efectuaron un novo intercambio de 120 prisioneiros de guerra.

Letonia fecha un medio ruso

Xa na Unión Europea, as autoridades letoas anunciaron a terza feira a súa decisión de revogar a licencia para emitir dunha canle de televisión rusa privada e non relacionada co Kremlin, TV Rain, posto que incluíu Crimea nun mapa de Rusia e convidou nun programa soldados rusos e as súas familias, prometéndolles axuda, o que para as autoridades letoas supón unha mostra de apoio as Forzas Armadas de Moscova.

A decisión entra en vigor a quinta feira, polo que quedarán bloqueadas amais das súas emisións tamén os programas pendurados en YouTube. O medio xa fora multado por non garantir a tradución das emisións ao letón. Letonia é un dos países do bloque comunitario con máis apátridas ao negarse tras a independencia a outorgar a nacionalidade á poboación de orixe ruso.

Comentarios