A UE propón expropiar os fondos rusos confiscados para indemnizar Ucraína

Bruxelas defende expropiar -sen base legal- os fondos rusos conxelados para entregalos como reparación de guerra a Ucraína despois de investilos para obter ganancias.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, nunha intervención a pasada sexta feira en Berlín (Alemaña). (Foto: Christophe Gateau / dpa)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, nunha intervención en outubro en Berlín (Alemaña). (Foto: Christophe Gateau / dpa)

“Rusia e os seus oligarcas teñen que compensar Ucraína polos danos e cubrir os custos da reconstrución do país”, asegurou a cuarta feira a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, explicando a proposta do Executivo da Unión Europea (UE) para expropiar os bens confiscados a Moscova.

A curto prazo, a política alemá defendeu crear “unha estrutura para administrar” os fondos confiscados polos países da órbita da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) -300.000 millóns de euros das reservas públicas rusas e case 20.000 millóns de euros de persoas e empresas sancionadas-, utilizándoos para efectuar investimentos e con posterioridade remitir a Ucraína as ganancias.

Unha vez que as sancións fosen anuladas, estes fondos quedarían bloqueados para que Rusia “pague unha compensación total polos danos causados en Ucraína”, instando a “atopar formas legais” de impulsar esta práctica ao tempo que defendeu que a UE “ten os medios para que Rusia pague” uns danos que von der Leyen estimou en 600.000 millóns de euros.

Así e todo, pouco despois da súa intervención, fontes comunitarias recoñeceron a medios internacionais que “non existe base legal” no bloque comunitario para “expropiar definitivamente” os recursos bloqueados, asumindo que os seus propietarios teñen o dereito a recuperalos, “e talvez cun interese mínimo”.

A este respecto, a proposta formal enviada aos membros da UE sinala que buscan un financiamento “estábel e predicíbel durante un certo período de tempo” por medio de “ganancias significativas” grazas a “xestionar activamente e investir” os fondos.

Paralelamente, a UE propuxo crear un “tribunal especializado” para “investigar e xulgar o crime de agresión de Rusia” co apoio da Organización das Nacións Unidas (ONU), por mor de que Rusia e países como os Estados Unidos non recoñecen a Corte Penal Internacional, polo que non ten xurisdición.

Sen indemnizacións polo ataque a Iugoslavia

A pesar da reclamación de Bruxelas para que Rusia pague reparacións pola guerra en Ucraína, a UE negouse a asumir indemnizacións polos efectos dos bombardeos contra a República Federal de Iugoslavia en 1999, chegando o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos a declarar inadmisíbeis as denuncias para xulgar crimes de guerra como o bombardeo da televisión pública ou os ataques contra pontes e fábricas protexidas pola poboación, criticou Amnistía Internacional, nunha guerra que provocou arredor de 5.000 mortes civís e que non contou coa aprobación da ONU.

Á vez, a Xustiza dos países membros da UE frea as demandas presentadas por avogados balcánicos para resarcir as consecuencias entre a poboación do uso de armas ilegais, como bombas con uranio empobrecido. As entre 10 e 15 toneladas espalladas polo país multiplicaron por cinco o risco de cancro en comparación a 1999.

Até 13 membros da UE integrados na OTAN participaron na agresión, incluído o Estado español, Italia, Francia ou Alemaña, no que constituíu a súa primeira participación nun conflito bélico desde a Segunda Guerra Mundial.

Carta-bomba en Madrid

Un empregado da embaixada ucraína en Madrid, a capital española, sufriu feridas leves ao abrir unha carta que contiña un pequeno explosivo de fabricación caseira, informaron as autoridades policiais. Amais de activarse o protocolo antiterrorista na zona, a rede de embaixadas ucraínas no mundo aumentou a súa seguridade, trasladou Kíiv.

No que atinxe ao armamento enviado pola OTAN a Ucraína desde a invasión rusa, por valor de máis de 30.000 millóns de euros, o presidente de Nixeria, Muhammadu Buhari, comunicou a cuarta feira que o conflito bélico “sirve como gran fonte de armas” para os grupos terroristas que operan na rexión.

Arredor da situación militar, Ucraína está a centrar os seus esforzos en avanzar en Khersón. Amais, von der Leyen informou de que desde finais de febreiro faleceron no conflito máis de 100.000 militares ucraínos e 20.000 civís.

Comentarios