Zelenski advirte dunha nova vaga de ataques rusos contra Ucraína

Sete ministros de Exteriores europeos visitan Kíiv por "solidariedade", ao tempo que a Presidencia ucraína solicita á poboación que estea preparada perante novos ataques do Exército ruso.
Olaf Scholz, chanceler alemán, con Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína. (Foto: Presidencia de Ucraína / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Olaf Scholz, chanceler alemán, con Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína. (Foto: Presidencia de Ucraína / Zuma Press / Contactophoto)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, destacou a segunda feira que “sabemos con seguridade” que Rusia está a preparar novos ataques coa chegada do inverno, alertando a poboación de que estea preparada. “A nosa axuda mutua é un dos elementos de protección contra o terror”, sostivo.

Nese sentido, acusou Moscova de “usar o frío contra as persoas”, do mesmo xeito que fixera ao longo da fin de semana o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg.

Distintos membros do Goberno de Zelenski, incluído o primeiro ministro, Denis Shmigal, reuníronse cos sete ministros de Exteriores (Estonia, Finlandia, Islandia, Letonia, Lituania, Noruega e Suecia) que visitaron Kíiv para comunicar en persoa a súa “solidariedade” co país eslavo.

Hungría avala a ampliación da OTAN

Dous destes países, Finlandia e Suecia, están en proceso para integrarse na alianza militar liderada polos Estados Unidos. Arredor desta cuestión, Hungría -onda Turquía os países que faltan para ratificar a adhesión-, confirmou que aceptará a súa entrada nunha sesión parlamentar que decorrerá en 2023.

No que atinxe á guerra, o alcalde de Kíiv, Vitali Klichko, explicou que non descartan unha evacuación “parcial” da cidade polos ataques rusos contra a infraestrutura enerxética, após recuperar o domingo a subministración á urbe. Amais, cifrou en 150 as vítimas civís na localidade desde o comezo da invasión rusa.

Xa en Letonia, unha vintena de soldados do Exército ucraíno ficaron feridos despois de chocar cun camión o autobús no que viaxaban, fretado polas Forzas Armadas de Estonia.

Asemade, o embaixador ucraíno en Alemaña, Oleksi Makeev, volveu reclamar ao Goberno de Olaf Scholz que apoie Kíiv “de verdade”, posto que “as armas alemás salvan vidas”. Mentres, Reuters revelou que Washington está a avaliar o envío de armamento avanzado a Ucraína, con mísiles que poderían alcanzar obxectivos a 160 quilómetros. Desde finais de febreiro, Ucraína recibiu armas dos membros da OTAN por valor de 30.000 millóns de euros.

Paralelamente, e despois de advertir nos últimos meses da suposta intención de Belarús de entrar na guerra en Ucraína, a Intelixencia de Kíiv corroborou que considera moi pouco probábel que Minsk dea ese paso, apondo esta posibilidade a unha campaña de desestabilización da moral das tropas e da cidadanía ucraína.

Comentarios