Ucraína reclama "destruír" Rusia dentro das súas propias fronteiras

Moscova considera os EUA e a OTAN parte implicada na guerra de Ucraína, mentres, Kíiv demanda a destrución de Rusia acusando Moscova de colonialismo.
Jens Stoltenberg (Foto: NATO / dpa).
photo_camera Jens Stoltenberg o 30 de novembro. (Foto: NATO / dpa)

O secretario do Consello de Seguridade e Defensa Nacional de Ucraína, Oleksi Danilov, defendeu onte que Rusia “precisa ser destruída para que deixen de existir como país dentro das súas propias fronteiras”, acusándoa de ser “un dos poucos países que ten colonias no seu territorio” e de “destruír unha gran cantidade de nacións, idiomas e culturas”.

Reiterando que ao final da guerra en Ucraína teríase que obrigar Moscova a retirar o seu armamento nuclear, Danilov fechou a porta á negociación para por fin ao conflito sostendo que “non é apropiado cando din que deberíamos sentar na mesa con eses bárbaros e falar”, definíndoos tamén como “ladróns”.

Así e todo, segundo o departamento de descolonización das Nacións Unidas, non hai “territorios non autónomos” en Rusia. Nesta categoría, a inmensa maioría destes 17 territorios están en mans dos Estados Unidos (EUA), Reino Unido e Francia.

Pola súa parte, o ministro de Asuntos Exteriores ruso, Sergei Lavrov, asegurou onte que os EUA e a alianza militar que lideran, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), “están directamente implicados [na guerra], non só fornecendo armas, senón tamén adestrando persoal militar”.

Ao tempo, incidiu en que a vaga de ataques rusos das últimas semanas está dirixida a “instalacións enerxéticas das que depende o funcionamento das Forzas Armadas ucraínas”. A ese respecto, Ucraína indica que tanto en Kíiv como en Khersón a subministración eléctrica aínda non foi recuperada completamente.

No que atinxe ao ataque con explosivos que deixou fóra de funcionamento os gasodutos Nord Stream 1 e Nord Stream 2 a finais de setembro. Os líderes de Alemaña, Olaf Scholz, e Noruega, Jonas Gahr Støre, solicitaron ao secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, que cree unha oficina de coordinación para protexer os gasodutos e cables submarinos no mar Báltico.

Aínda que desde a OTAN deixouse entrever que Rusia podía estar detrás do atentado contra unha infraestrutura cuxa propiedade maioritaria é da empresa estatal rusa Gazprom, desde Moscova apuntaron que o maior beneficiado polo freo ás súas exportacións de gas natural son os Estados Unidos, polo incremento da súa cota de mercado na Unión Europea, e responsabilizaron as potencias occidentais.

No plano militar, o Exército de Ucraína aseverou que Rusia retirou as súas tropas dalgunhas cidades situadas no curso do río Dniéper. Entrementres, o Kremlin anunciou a toma de Kurdyumivka, na rexión de Donetsk,  o cuarto asentamento tomado nas últimas horas.

Comentarios