Rueda critica a "teatralización" de Sánchez: "Gustaríame crer ao meu presidente"

Rueda explicou que viu só "un momento" a comparecencia de Sánchez, dado que coincidiu co encontro do Consello da Xunta, mais, sobre a "polarización", esgrimiu que a potenciou o propio mandatario estatal coa carta que colgou en redes sociais a semana pasada.
Alfonso Rueda, esta segunda feira tras o Consello da Xunta (Foto: Arxina).
photo_camera Alfonso Rueda, esta segunda feira tras o Consello da Xunta (Foto: Arxina).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, cargou contra o que cualificou de "teatralización bastante absurda" do xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, convencido de que a cuarta feira "xa sabía o que ía dicir" a segunda feira e de que o seu período de reflexión para confirmar finalmente que continúa na Moncloa non lle fixo "ningún favor ao país".

A preguntas dos medios, tras a reunión semanal do seu Goberno, que desprazou ás segundas feira, Rueda explicou que viu só "un momento" a comparecencia de Sánchez, dado que coincidiu co encontro do Consello da Xunta, mais, sobre a "polarización", esgrimiu que a potenciou o propio mandatario estatal coa carta que colgou en redes sociais a semana pasada.

Nesa carta, dixo, "á parte de anunciar ese período de reflexión xa distinguía entre os bos e os malos, os que están con el e os que non o están, os que atacan e os que non atacan". "Por tanto, se falamos de polarización, habería que mirar aí moito máis que a calquera outro sitio", advertiu.

"Gustaríame crer a Sánchez, que tamén é o meu presidente, o presidente do Goberno de España", afirmou. Mais non é capaz de facelo porque, segundo sinalou, "lamentabelmente hai demasiados exemplos" que lle sitúan na óptica contraria. O seu pronunciamento desta segunda feira "convida moi pouco a confiar" no líder socialista, sentenciou.

"Isto, loxicamente, son impresións persoais. Mais a miña impresión persoal é que sabía perfectamente o que ía facer desde o día que fixo o anuncio. Por tanto, esta teatralización bastante absurda á que nos levou estou seguro de que non lle fixo ningún favor ao país. El saberá por que o fai", agregou.

"O que máis importa a Pedro Sánchez é o propio Pedro Sánchez"

Dito isto, remarcou que as "explicacións" sobre os casos que afectan a súa contorna séguense "sen dar" e aseverou que ten o "convencemento persoal" de que "o que máis importa a Pedro Sánchez, por encima de calquera outra cousa, é o propio Pedro Sánchez".

E sobre as dúbidas manifestadas desde o PSOE sobre a continuidade de Sánchez, esgrimiu que "hai cousas" que se igual se saben co "tempo" ou que se cadra non se van a saber "nunca". Mais incidiu na idea de "teatralización" reforzada coa súa visita ao rei Felipe VI esta mesma segunda feira, antes de comparecer.

Pendente dunha reunión

Sobre se xa tivo ocasión de xestionar o encontro con Sánchez que anunciou que demandaría tras a súa investidura como presidente galego, explicou que estaba á espera de ser citado polo rei Felipe VI e deu a entender que, aínda que pendente de fechar de forma definitiva, os equipos de Zarzuela e San Caetano están a ver datas para que se produza en breve -esta semana Rueda viaxará á Arxentina-.

Dito isto, subliñou que se chega a estar pedida a cita co titular do Executivo estatal a "incerteza" sería aínda maior, e manifestou o seu desexo de que, tras a súa comparecencia e o período de reflexión destes días, Sánchez "se dea conta de que hai moitas cousas serias" nun cargo como o que ocupa.

"Presidir un Goberno ten inconvenientes e ten, sobre todo, unha obrigación: a de centrarse nos asuntos que afectan a todo o mundo", sentenciou, antes de incidir en que, cando Sánchez lle reciba, irá co obxectivo de que preste "atención ás cuestións que exporei en nome da Galiza".

"Non pido máis que iso. Vai seguir sendo presidente do Goberno e a miña obrigación é dirixirme a el", esgrimiu, para concluír que lle porá sobre a mesa as demandas da Galiza. "Espero que non haxa ningún problema e que se dea conta de que hai que centrarse nas tarefas do día a día porque gobernar é unha tarefa que exixe moita concentración", resolveu.

Máis en POLÍTICA
Comentarios