As principais empresas armamentísticas aumentan as vendas por sétimo ano consecutivo

A venda de armas rexistra un incremento ano a ano, e xa reporta tres veces máis ingresos que hai dúas décadas cun marcado liderado estadounidense, mentres, a guerra en Ucraína dificulta o aumento de produción por mor da dependencia das materias primas de Rusia.
Asistentes a Eurosatory en 2022, a maior feira internacional de armas e material de Defensa do mundo, organizada en Francia. (Foto: Alexis Sciard / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Asistentes a Eurosatory en 2022, a maior feira internacional de armas e material de Defensa do mundo, organizada en Francia. (Foto: Alexis Sciard / Zuma Press / Contactophoto)

As 100 empresas máis grandes do sector armamentístico elevaron 7,6% as súas vendas en 2021, até os 561.000 millóns de euros, consolidando un crecemento constante desde 2015 do que se beneficiaron principalmente as empresas estadounidenses, que se repartiron máis da metade deses ingresos, corroborou o informe publicado a segunda feira polo Instituto Internacional de Estocolmo para a Investigación pola Paz (Sipri).

Desde 2002, as vendas destas empresas multiplicáronse por tres, con apenas tres anos (2011, 2012 e 2014) nos que detectaron unha diminución dos ingresos por armas e servizos militares.

A pesar destes datos, “sen problemas persistentes [desde a pandemia de Covid-19] na cadea de subministración poderíamos agardar un crecemento aínda maior nas vendas de armas en 2021”, defende Lucie Béraud-Sudreau, directora do Programa de produción de armas e gastos militares da entidade con sede en Suecia, revelando que tanto grandes como pequenas empresas de armas recoñeceron que “as súas vendas víronse afectadas”, chegando a trasladar a escaseza de man de obra.

Como cada ano desde 2018, as empresas dos Estados Unidos (EUA) coparon os cinco primeiros postos por vendas das compañías de produción de armas, chegando a aparecer até 40 sociedades na listaxe. A pesar diso, América do Norte é a única rexión estudada na que se produciu unha caída das vendas, de 0,8%, explicada pola “alta inflación do país”.

Asemade, o texto alerta de que “as empresas de capital privado son cada vez máis activas na industria armamentística” estadounidense, o que pode afectar a transparencia dos datos que fan públicos “debido aos requisitos de información financeira menos estritos en comparación coas empresas públicas”.

No caso de Europa, 33 empresas están recollidas na lista, seis delas rusas, mentres que o resto están en países da órbita da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Este último grupo obtivo 116.000 millóns de euros de ingresos, 4,2% máis. No que atinxe ás empresas rusas, o traballo indica que hai "indicios dun estancamento", após medrar só 0,4%.

Ao tempo, o principal incremento de vendas produciuse nas cinco grandes compañías de armas en Asia Occidental (tres de Israel e dúas de Turquía), cun aumento de 6,5% en relación a 2020. No resto do continente e Oceanía as vendas superaron 128.000 millóns de euros, 5,8% máis, a meirande parte (máis de 100.000 millóns de euros) das oito empresas da China na listaxe. Xiao Liang, investigador do Sipri, apunta que iso responde a “unha onda de consolidación na industria armamentística chinesa desde mediados da década de 2010”, destacando o maior construtor de barcos militares, CSSC.

Dificultades para que a OTAN repoña os arsenais

Malia que a invasión rusa de Ucraína en febreiro elevou o valor da cotización das empresas de armas e das súas perspectivas de futuro, o Sipri advirte que é un novo desafío no que atinxe á recuperación das cadeas de subministración posto que “Rusia é un importante provedor de materias primas utilizadas na produción de armas”.

Este aspecto dificultaría os esforzos dos membros da OTAN “para fortalecer as súas Forzas Armadas e repor as reservas despois de enviar municións e outros equipos a Ucraína”, valorados en máis de 30.000 millóns de euros. O investigador principal do Sipri, Diego Lopes da Silva, adiantou que, no caso de non restabelecerse as cadeas de subministración, “algúns dos principais produtores poden tardar varios anos en satisfacer a nova demanda”, ratificando que “o aumento da produción leva tempo”.

Así e todo, as sancións impostas a Moscova por arredor dunha cuarta parte dos Estados do mundo tamén están a afectar as vendas rusas, con informes que reportan dificultades para acceder aos semicondutores, e cando menos unha empresa non puido recibir certos pagos polas súas entregas. Segundo o Sipri, Rusia é tras os EUA (case 40% do total) o país que máis armamento exporta, pouco menos de 19%, seguido por Francia  (10,7%), a China (4,6%) e Alemaña (4,5%).

Comentarios