A ONU considera "moi probábel" que Kíiv executara soldados rusos presos

A acusación rusa de execucións de soldados após renderse por parte de Ucraína constituiría un crime de guerra, defende a ONU, que considera auténticos os vídeos do masacre.

Soldados ucraínos camiñan pola cidade de Bucha. (Foto: Matthew Hatcher / Sopa Images via / Dpa)
photo_camera Soldados ucraínos, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Matthew Hatcher / Sopa Images via / Dpa)

O vídeo denunciado por Rusia no que se observa a execución por parte do Exército ucraíno de 11 soldados rusos desarmados en Makivka, Lugansk, tras renderse, é “moi probábel” que sexa auténtico, ratificou a sexta feira o Alto comisionado da Organización das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Volker Türk.

Tras considerar “preocupantes” as imaxes, Türk debullou que “as persoas que non están combatendo, incluídos os militares que se renderon, están protexidos polo dereito internacional humanitario”, polo que unha execución deste tipo implica un crime de guerra.

Ao tempo, definiu como “esencial” que se investiguen estas acusacións, e que, de confirmarse, os seus responsábeis rendan contas, lembrando que xa se produciron "numerosas denuncias" entre ambas as partes, así como que os bombardeos contra infraestruturas críticas tamén poden ser considerados crimes de guerra no caso de non estar limitados a ataques "concretos e directos" a obxectivos militares. Asemade, comunicou que cando menos 77 civís faleceron polos ataques aéreos rusos desde outubro.

Instalacións eléctricas

Con respecto ás subministracións en Ucraína, moi afectadas após unha apagada masiva hai 72 horas pola vaga de ataques rusos contra estas instalacións, o alcalde de Kíiv, a capital, Vitali Klitschko, informou de que foi recuperada a distribución de auga, mentres a metade da cidade permanece sen electricidade e dúas terzas partes sen calefacción.

Ademais, as autoridades rusas e ucraínas están a intercambiar críticas por supostas execucións de civís na rexión de Khersón.

Moscova incide en que os obxectivos enerxéticos e de telecomunicacións atacados en Ucraína son utilizados por Kíiv para asegurar a subministración de armamento da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que superou os 30.000 millóns de euros desde a invasión rusa a finais de febreiro.

Pola súa parte, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, agradeceu onte a Alemaña que ofrecera baterías anti mísiles a Polonia “despois do tráxico incidente da semana pasada no que dúas persoas perderon a vida”, segundo recoñeceu a alianza militar, por un mísil da defensa aérea ucraína, que atribuíu o disparo a Rusia, solicitando á OTAN que respondera militarmente a esa suposta agresión. Á vez, subliñou que a única “paz duradeira” posíbel pasa por unha derrota rusa no conflito bélico.

Comentarios