Multiplícanse as posibilidades dun acordo para un alto o fogo en Gaza após rebaixar Israel as súas exixencias

Inclúe unha "calma sostida" na segunda fase.
Área destruída por Israel no campo de refuxiados de Nuseirat (Gaza). (Foto: Saher Alghorra / Europa Press / Contacto)
photo_camera Área destruída por Israel no campo de refuxiados de Nuseirat (Gaza). (Foto: Saher Alghorra / Europa Press / Contacto)

Sameh Shoukry, ministro de Relacións Exteriores exipcio, trasladou a segunda feira que “temos esperanzas” na última proposta para un alto o fogo na Faixa de Gaza, unha proposición que “tivo en conta as posicións de ambas as partes e tratou de xerar moderación”.

A volta do réxime de apartheid israelí á mesa de negociacións, no marco da presión dos seus aliados, traduciuse nunha rebaixa das súas exixencias á hora de que a primeira fase da tregua incluíse a liberación de 40 persoas israelís detidas no enclave desde a operación da resistencia palestina de outubro.

Ao tempo, o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, apuntou que o pacto “potencialmente está moi perto de completarse”, cun texto que recolle un período de “calma sostida” nunha segunda fase. Horas antes, a organización palestina Hamás, que goberna Gaza, comunicou que non detectou “grandes problemas” na última proposta.

Como mínimo 34.488 palestinas e palestinos foron asasinados na agresión militar israelí a Gaza desde outubro, que deixou case 78.000 persoas feridas.

Comentarios