Dez civís falecen en Luhansk polos ataques do Exército de Ucraína

Kíiv denuncia tres mortes polos bombardeos rusos contra as infraestruturas enerxéticas, e Moscova fala de dez mortes polo ataque ucraíno a unha residencia de traballadores e refuxiados.
Cascallos en Sviatohirsk. (Foto: Celestino Arce Lavin / ZUMA Press / DPA)
photo_camera Cascallos en Sviatohirsk. (Foto: Celestino Arce Lavin / ZUMA Press / DPA)

Seis mísiles disparados polo Exército de Ucraína contra Alchevsk, no oblast de Luhansk que Rusia considera parte do seu territorio após incorporalo a finais de setembro, provocaron na mañá de onte a morte de cando menos 10 persoas e feridas en 24, informaron autoridades locais.

Os bombardeos impactaron nunha residencia do Instituto Técnico Estatal de Donbás, que acolle refuxiados que fuxían da guerra en Ucraína e traballadores encargados da reconstrución do territorio.

Pola súa banda, os militares ucraínos comunicaron que as Forzas Armadas rusas lanzaron ataques aéreos contra infraestrutura enerxética en seis áreas do país, incluída a capital, Kíiv, deixando dous mortos e dúas persoas feridas na rexión de Zaporijia, así como un falecemento en Krivoi Rog, no que ficaron feridas tres persoas.

A operadora estatal ucraína, Ukrenergo, trasladou que os ataques rusos xeraron un corte masivo da subministración eléctrica, sinalando que 45 instalacións enerxéticas foron sometidas a traballos de emerxencia desde o comezo da invasión rusa.

Asemade, reportáronse explosións en dúas bases aéreas rusas, que derivaron na deflagración dun camión de combustíbel na que faleceron tres militares. Aínda que non hai confirmación oficial, as autoridades de Kíiv deixaron entrever a súa responsabilidade.

Como parte da campaña contra as igrexas ortodoxas, o Executivo que dirixe Volodimir Zelenski fixo público o rexistro de varios centros de culto no nordés do país, acusándoos de socavar a soberanía ucraína.

Con respecto á demanda da Unión Europea (UE) de crear un tribunal especial para xulgar crimes rusos na guerra en Ucraína, o fiscal xefe da Corte Penal Internacional, creada a instancias da Organización das Nacións Unidas, Karin Khan, asegurou que a “UE fallou á lei”, criticando a proposta e facendo un chamamento a “evitar a fragmentación”.

Ao tempo, o ministro de Asuntos Exteriores de Rusia, Sergei Lavrov, alertou de que a posición no conflito en Ucraína das potencias occidentais eleva o risco “dun choque directo entre potencias nucleares con consecuencias catastróficas”, pouco despois dunha xuntanza bilateral coa China.

Xa no Estado español, a Policía interceptou tres novos sobres con ollos de animais dirixidos á misión diplomática de Ucraína. Amais da embaixada, como a semana pasada, tamén foron remitidos paquetes aos consulados en Barcelona e Málaga. Kíiv estimou que foron enviadas 21 cartas similares á súa rede de embaixadas en 12 Estados.

Comentarios