Rusia e Ucraína prorrogan 120 días o corredor humanitario no mar Negro

A exportación de cereais ucraínos polo mar Negro prolongarase cando menos catro meses tras o acordo entre as partes. Na primeira etapa menos de 4% dos alimentos foron enviados a países de baixos ingresos. Mentres, Polonia admite "fortes presións" para culpar Rusia do mísil ucraíno que caeu no país da UE.

Integrantes do Centro Conxunto de Coordinación do corredor humanitario revisan un barco. (Foto: Levent Kulu / OCHA)
photo_camera Integrantes do Centro Conxunto de Coordinación do corredor humanitario revisan un barco. (Foto: Levent Kulu / OCHA)

O secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, confirmou esta sexta feira que Rusia e Ucraína acordaron estender durante 120 días as exportacións de gran desde os portos ucraínos no mar Negro, prorrogando un pacto asinado o 22 de xullo e no que a ONU e Turquía se desempeñan como garantes.

O organismo internacional está “totalmente comprometido con eliminar os obstáculos restantes para exportar alimentos e fertilizantes da Federación de Rusia”, asegurou Guterres despois de varias negociacións entre a ONU e Moscova, que denunciou que esta parte do acordo non se estaba a cumprir.

O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, corroborou as garantías ofrecidas pola entidade e indicou que xa constataron progresos para acabar coas sancións que afectan as exportacións rusas por parte dos Estados Unidos (EUA), Reino Unido e a Unión Europea (UE), poucos días despois de que os Países Baixos liberaran un cargamento de 20.000 toneladas de fertilizantes rusos en dirección a Malawi, contradicindo a mensaxe reiterada desde Bruxelas polo Alto representante de Política Exterior da UE, Josep Borrell, que defendeu durante meses que “as sancións da UE non afectan a seguridade alimentar” ou a exportación de alimentos e fertilizantes rusos.

Ao tempo, mantéñense as conversas entre a ONU e Rusia para incluír no acordo a exportación de amoníaco por medio dun oleoduto no mar Negro, informa Reuters, que subliña que Ucraína incide en que só a permitirá se Moscova devolve prisioneiros de guerra.

Quen está a comprar os alimentos ucraínos?

A prórroga do acordo, apenas 48 horas antes de que expirase o pacto orixinal, permitirá continuar co que a ONU definiu como un “corredor marítimo humanitario” tras suspender Rusia a súa participación brevemente a finais de outubro acusando Ucraína de atacar a flota militar e civil rusa en Crimea que interviña na iniciativa, e distintas críticas do presidente Vladimir Putin sobre o destino final desas exportacións, polo que chegou a propor que se limitasen as vendas cara a países europeos.

Un dos principais argumentos para impulsar a saída de cereais de Ucraína foi a alza nos prezos dos alimentos a nivel mundial, o que acaba por agravar a inseguridade alimentar. En 2021, antes da invasión rusa de Ucraína, até 828 millóns de persoas no mundo enfrontaron fame, sinala a Organización da ONU para a Alimentación e a Agricultura (FAO), unha realidade que padecen sobre todo os países en vías de desenvolvemento.

Así e todo, os datos do Centro Conxunto de Coordinación de Istambul (Turquía), que regula o cumprimento do acordo do corredor marítimo, desvelan que 51% das 11,1 millóns de toneladas métricas de alimentos exportadas en base a esta iniciativa foi enviada a países de altos ingresos. Até 46% do total tiña como destino Estados membros da UE e o Reino Unido, destacando as cifras do Estado español, que importou máis de dous millóns de toneladas métricas grazas ao acordo humanitario.

Se temos en conta as estatísticas baseadas no nivel de ingresos, os países de ingresos baixos recibiron 3,9% dos alimentos, e, engadindo os territorios de ingresos medio-baixos, apenas supera 20% do total.

Por continentes, despois de Europa a maioría das exportacións foron a Asia (39,5%), mentres que África fica co 12,3% das mercadorías transportadas polos 107 barcos que atravesaron o corredor. 

Polonia recoñece presións para culpar Rusia

Arkadiusz Mularczyk, viceministro de Exteriores de Polonia, salientou que recibiron “fortes presións” para atribuír a Rusia a morte de dúas persoas cun mísil a pasada segunda feira na localidade polaca de Przewodów, e que, segundo a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e os EUA, foron lanzados con moita probabilidade polo sistema de defensa anti aérea de Ucraína.

“Isto tería posto en marcha novas dinámicas no país e no mundo”, explicou, indicando que, “desgraciadamente, todo apunta a que foi un accidente desafortunado e non un acto intencionado por parte de Rusia”.

Asemade, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, insistiu en que o mísil que caeu en Polonia era de orixe ruso, e confirmou que Varsovia aceptou integralos na comisión que investiga os feitos, que xa conta con expertos polacos e estadounidenses traballando na zona.

Entrementres, Vasily Nebenzya, enviado ruso na ONU, culpou Polonia e Ucraína de tratar de “provocar un enfrontamento directo entre Rusia e a OTAN”, azuando a situación con “declaracións absolutamente irresponsábeis”. Pola súa banda, un diplomático da OTAN citado polo Financial Times resalta que "isto estase a volver ridículo, os ucraínos están destruíndo a nosa confianza neles. Ninguén está a culpar Ucraína e están mentindo abertamente".

Amais, as autoridades ucraínas informaron de bombardeos rusos contra o sistema eléctrico nas rexións de Kíiv, Khárkiv, Odesa e Dnipro; e Moscova comunicou o óbito de dúas persoas por ataques ucraínos en Mykhailivka, Zaporijia.

Xa nos Países Baixos, un tribunal condenou tres persoas por disparar un mísil de fabricación rusa desde Lugansk en 2014 que derribou o voo MH17 de Malaysia Airlines, provocando a morte de 298 persoas nos primeiros meses da guerra en Ucraína.

Comentarios