A Xustiza polaca prolonga a detención do xornalista vasco Pablo González

Vai camiño dun ano en prisión sen pasar por un xuízo.
O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis)
photo_camera O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis)

A pesar da reclamación nas últimas xornadas de Reporteiros Sen Fronteiras, un tribunal de Polonia prorrogou onte tres meses máis a detención provisional do xornalista vasco Pablo González, detido o 28 de febreiro.

De finalizar o tempo da terceira prórroga, xustificada en razóns confidenciais, González tería pasado un ano en prisión sen xuízo nun Estado que pertence á Unión Europea. A Axencia Polaca de Seguridade Interior acúsao de espiar a favor de Rusia, o que implicaría unha pena de até dez anos de cárcere.

Amais de impedírselle neste tempo comunicarse coas súas crianzas ou recibir atención médica axeitada, até esta semana non se lle permitiu unha visita persoal da súa parella.

Guerra en Ucraína

Con respecto á guerra en Ucraína, as autoridades de Kíiv comunicaron que recuperaron de maneira parcial a subministración eléctrica en todas as rexións do país despois da apagada masiva da cuarta feira. Aínda así, Vitali Klitschko, alcalde da capital ucraína, incidiu en que 70% da cidade continúa sen electricidade.

Ademais, Ucraína anunciou unha sanción de 100 euros ao alcalde de Khárkiv por utilizar o ruso nas declaracións públicas e redes sociais, incumprindo unha lei previa á invasión rusa.

Pola outra parte, o voceiro do Ministerio de Defensa ruso, Igor Konashenkov, negou que a cuarta feira foran atacados obxectivos en Kíiv, defendendo que a destrución trasladada polas autoridades ucraínas responde á "caída de mísiles da defensa aérea ucraína e estranxeira" instalada nas áreas residenciais da capital.

Asemade, a Intelixencia de Rusia fixo públicas varias detencións de presuntos implicados na planificación dun ataque terrorista dirixido contra o gasoduto South Stream, que traslada gas natural ruso até Bulgaria, Italia ou Austria.

Comentarios