Lula volverá converterse mañá en presidente do Brasil

En 24 horas o período da extrema dereita no Goberno do Brasil ficará definitivamente extinguido ao asumir Lula por terceira vez como presidente.
O novo presidente do Brasil, Lula, presentou parte do seu Gabinete a semana pasada en Brasília. (Foto: Marcelo Camargo / Agencia Brazil / d / DPA)
photo_camera O novo presidente do Brasil, Lula, presentou parte do seu Gabinete a semana pasada en Brasília. (Foto: Marcelo Camargo / Agencia Brazil / d / DPA)

Se todo acontece como está previsto, ás 15 horas de mañá (19 horas na Galiza) comezará no Congreso do Brasil a sesión formal de investidura do novo presidente do país, Luiz Inácio da Silva, ‘Lula’, que volve ao Palácio de Planalto após gobernar entre 2003 e 2010, recuperando por primeira vez o poder para o Partido dos Trabalhadores (PT) e a esquerda desde 2016, cando foi destituída por medio dun golpe brando do Senado Dilma Rousseff por unhas acusacións que a Xustiza acabou por desbotar.

Acompañarano representantes de máis de 120 países, incluídos 17 xefes de Estado como os de Alemaña, Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Ecuador, Portugal ou o Estado español. Da Galiza asistirá a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda.

Con posterioridade, el e o seu vicepresidente, Geraldo Alckmin (Partido Socialista Brasileiro) dirixiranse ao Senado, onde unha cerimonia de honras militares deixará paso ao seu traslado ao Palácio, onde está programada unha festa coa presenza de múltiples artistas.

“Non se preocupen que non haberá tumultos, quen perdeu as eleccións que quede quieto e quen as gañou ten dereito de facer unha gran festa popular”, incidiu o presidente electo, que tratou de transmitir seguridade nunha conxuntura moi marcada pola presenza diante dos cuarteis en distintos puntos do país de seguidores do líder en funcións, Jair Bolsonaro, de extrema dereita, que reclaman un golpe de Estado polo suposto “fraude” nos comicios, desmentido polo organismo electoral, o que non evita a violencia na que acabaron derivando algunhas destas marchas, que comezaron con cortes de estrada após facerse pública a vitoria de Lula o 30 de outubro con 50,9% dos votos.

Violencia e terrorismo

A quinta feira foron detidas cando menos catro persoas nun operativo nacional polos enfrontamentos o 12 de decembro en Brasília, día no que Lula recibiu as credenciais polo triunfo e no que os seguidores do presidente saínte intentaron asaltar unha comisaría da Polícia Federal, queimando vehículos e agredindo os axentes.

Están acusados de danos, asociación para delinquir, abolición violenta das institucións democráticas e golpe de Estado, entre os arrestados hai un sacerdote evanxélico.

Amais destes episodios, tamén hai temor pola posibilidade dun ataque terrorista. A última fin de semana a Policía da capital detonou un artefacto explosivo na contorna do aeroporto despois de deter ao empresario George Washington de Oliveira Sousa.

De Oliveira confesou que o atentado foi planeado no contexto dos actos de apoio ao mandatario de extrema dereita perante a sede do Exército na cidade, denominados “campamentos patrióticos” e que para Flávio Dino, ministro entrante de Xustiza, transformáronse nunha “incubadora de terroristas”.

Todas e todos os axentes policiais, militares e bombeiros en Brasília estarán mobilizados para a toma de posesión, destacou, apuntando que o evento será “seguro e pacífico”.

Bolsonaro, fóra do país

No que atinxe a Bolsonaro, os medios brasileiros informaron de que abandonou onte o Brasil ás 14 horas nun avión das Forzas Armadas en dirección a Orlando (Estados Unidos), xunta varios asesores do seu Gabinete, para pasar na cidade estadounidense o Aninovo. Pola súa parte, o vicepresidente Hamilton Mourao rexeitou entregar a banda presidencial a Lula.

Á hora de feche desta edición, aínda non se confirmara quen será a persoa encargada, figurando entre os favoritos Rodrigo Pacheco, presidente do Senado Federal e do Congreso Nacional, tamén aparecen con opcións Rosa Weber, que encabeza o Supremo Tribunal Federal, Rousseff ou un grupo representativo de poboacións en risco.

En todo caso, os medios locais transmiten que Bolsonaro está decepcionado e doído coas Forzas Armadas por non telo apoiado cun golpe de Estado que o mantivese no Planalto, sobre todo co seu candidato a vicepresidente, o xeneral Walter Braga Netto, que lle tería prometido convencer os militares para efectuar a sublevación.

En paralelo, os seus aliados -confundidos no período postelectoral polo seu silencio- recoméndanlle agora que profunde nun baixo perfil para evitar “o paquete de maldades” que lle queren atribuír a Lula, e que se refiren ás causas xudiciais abertas pola creación de organizacións dixitais para espallar novas falsas, así como pola súa difusión. De ser condenado, Bolsonaro podería ficar inhabilitado para participar nos vindeiros comicios presidenciais.

Novo Executivo

Nas últimas horas, Lula informou dos nomes das e dos titulares dos últimos ministerios que quedaban por definir, nun Gabinete que terá 26 ministros e 11 ministras de nove formacións políticas diferentes xunta once ministros independentes.

Malia que, a priori, os partidos representados no Goberno alcanzan a maioría absoluta no lexislativo, o gabinete precisará negociar para poder ver aprobadas as súas propostas, posto que tamén estarán presentes no Consello de Ministros militantes de forzas como o Movimento Democrático Brasileiro, o Partido da Social Democracia Brasileira ou União Brasil, que non apoiaron a Lula. Este será o Executivo con máis formacións dos presididos polo progresista.

Entre os nomes máis destacados está o da ecoloxista Marina Silva, que volve a Medio Ambiente 14 anos despois. O PT encabezará dez ministerios considerados chave, como Facenda, Educación, Desenvolvemento Social e Comunicación Social.

Comentarios