Unha deputada de Bolsonaro persigue pola rúa a punta de pistola a un simpatizante de Lula

A tensión política manda no Brasil nas horas a previas a apertura dos colexios electorais. Mentres as sondaxes dan maioría ao anterior presidente, Lula da Silva, o nerviosismo apodérase dos seguidores do seu rival, Jair Bolsonaro

 

Captura-30092606-e1667121997169-1194x824
photo_camera A deputada bolsonarista, Carla Zambelli, perseguindo pola rúa a un simpatizante de Lula.

A poucas horas do comezo da segunda volta das eleccións presidenciais en Brasil, unha deputada do Partido Liberal, Carla Zambelli, formación pola que se presenta a reelección Jair Bolsonaro, perseguiu a un home polas rúas de Sao Paulo mentres lle apuntaba cunha pistola.

Os analistas políticos brasileiros explican estes feitos como unha mostra da tensión que vive o país. Segundo sinalou o xornal O Globo, os feitos ocorreron despois de que a deputada escoitase a un grupo de persoas corear o nome de Lula ao saír dun restaurante.

Os vídeos recollidos pola prensa do Brasil amosan como a deputada reacciona fronte a unha persoa que di “mañá Lula”. Neste momento, Zambelli bótase a perseguir ao simpatizante de Lula até un bar próximo, onde lle orde que se tire ao chan.

A deputada negou esta versión, sinalando nas súas redes sociais, que foi atacada por un home negro, a quen denunciou á policía. A respecto da persecución, indicou que só quixo reter ao home até a chegada dos axentes ao lugar.

Zambelli está autorizada a levar un arma pola súa condición de deputada federal, con todo, o Tribunal Electoral Superior de Brasil prohibe aos civís e á policía fóra de servizo levar armas a menos de 100 metros dunha mesa electoral durante o día antes das eleccións.

Violencia

O incidente Zambelli non é un caso illado nun proceso electoral condicionado por unha violencia descoñecida, que exemplifica a fenda social aberta en Brasil. Precisamente, nas últimas semanas téñense denunciado diversas agresións desde a candidatura de Lula.

As sondaxes de última hora apuntan a un vitoria de Lula, marcando algúns estudos sete puntos de diferenza con Bolsonaro. Porén, desde a esquerda non rematan de fiarse á vista do fracaso das enquisas na primeira volta. A este respecto, a totalidade dos analistas apuntan a un resultado moi axustado.

A vitoria de Lula nos comicios de hoxe, non lle garantiría unha lexislatura doada. Neste sentido, na cámara lexislativa tería que enfrontar a unha maioría próxima a Bolsonaro, tal é como resultou da primeira volta das eleccións.

Comentarios