Lula busca gañar o electorado do sueste do Brasil para alcanzar a Presidencia

A segunda volta electoral decorrerá o próximo 30 de outubro. Para facerse coa vitoria diante de Bolsonaro Lula precisa aumentar en menos de dous puntos porcentuais os seus resultados.
O ex presidente Lula da Silva dirixiuse aos seus seguidores en São Paulo (Brasil) a madrugada do domingo á segunda feira. (Foto: Rahel Patrasso / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera O ex presidente Lula da Silva dirixiuse aos seus seguidores en São Paulo (Brasil) a madrugada do domingo á segunda feira. (Foto: Rahel Patrasso / Xinhua News / Contactophoto)

O ex mandatario brasileiro Lula da Silva, candidato do Partido dos Trabalhadores (PT) á Presidencia do país, ten como obxectivo na segunda volta electoral do 30 de outubro aumentar os seus apoios nos Estados do sueste do Brasil, tras quedar o domingo a pouco menos de dous millóns de votos da maioría absoluta na primeira volta das eleccións xerais (48,43% e 57 millóns de votos).

Esta zona, onde se atopan cidades moi poboadas como Rio de Janeiro ou São Paulo, apoiou maioritariamente o seu rival, o mandatario actual, Jair Bolsonaro, de extrema dereita, que se presentou ás eleccións polo Partido Liberal (PL) e que ficou con 43,2% e 51 millóns de sufraxios.

As chaves da segunda volta

Amais de Lula e Bolsonaro apenas dous candidaturas máis á Presidencia superaron o 1% dos votos, a de Simone Tebet (Movimento Democrático Brasileiro) e Ciro Gomes (Partido Democrático Trabalhista), que obtiveron 4% e 3% respectivamente.

Tebet deixou claro ao coñecerse os resultados que “a miña decisión xa está tomada”, e deu 48 horas para que a formación e os aliados fixen unha posición antes de facer pública a súa escolla.

Porén, o Partido da Social Democracia Brasileira, coaligado con Tebet, abriu a porta a dar liberdade de elección á súa militancia, após unha campaña na que os seus parlamentarios apostaron por Bolsonaro e a “vella garda” por Lula, indica Jornal do Brasil.

Pola súa parte, Gomes proclamouse “profundamente preocupado polo país”, e adiantou que debaterá coa súa organización cal é a mellor opción. Hai catro anos, perante unha segunda volta entre Bolsonaro e o candidato do PT, Fernando Haddad, Gomes resolveu que votaría “contra o fascismo”. O apoio dunha ou outra candidatura pode ser determinante tendo en conta que foi a primeira volta máis axustada desde o fin da ditadura militar en 1985, e cunha participación do 79%.

Asemade, estes resultados afastan a posibilidade do golpe de Estado co que o presidente vixente estaba a ameazar no caso dun revés electoral, e que introducía un elemento de inestabilidade nunhas eleccións xa de por si polarizadas, que provocaron 40 mortes só no primeiro semestre do ano, principalmente de partidarios de Lula. “Agora é confianza total [no sistema electoral]”, ratificou un Bolsonaro que non conta co apoio do Exército, comprometido a respectar o resultado electoral, sostén o Correio do Brasil.

Unha campaña centrada no sueste brasileiro

Até o 30 de outubro, a campaña desenvolverase principalmente no sueste brasileiro, sinala a Meia Hora Nara Pavão, do Departamento de Ciencia Política da Universidade de Pernambuco, que a cualifica de “rexión estratéxica” para as presidenciais, nunha “campaña de acusacións para tentar atraer o voto estratéxico do elector que rexeita un ou outro candidato”, apunta Graziella Testa, doutora en Ciencia Política da Universidade de São Paulo.

Outro dos elementos a ter en conta, sostén James Green, profesor de historia latinoamericana da Universidade de Brown (Estados Unidos), é o voto oculto a favor do mandatario, “non foi só un error da enquisa, é unha falta de comprensión de que hai dentro da sociedade un voto avergoñado para a dereita”.

O PL de Bolsonaro será a primeira forza no lexislativo

No que respecta á Cámara de Deputados, mantense a correlación de forzas do pasado período, favorábel á dereita, pois aínda que tanto o PL e o PT (en coalición co Partido Comunista e o Partido Verde) aumentaron a súa representación, chegando a 99 e 80 escanos dos 513 en xogo, a caída de asentos dos aliados destes bloques compensouno, marcadamente de Progresistas no bando de Bolsonaro e do Partido Socialista Brasileiro no de Lula.

Comentarios