Bolsonaro rompe o seu silencio mais non recoñece abertamente a vitoria de Lula

Tras máis de 24 horas de silencio, Bolsonaro comezou o seu curto discurso desde o Palacio da Alvorada agradecendo aos 58 millóns de cidadáns brasileiros o seu vot
Jair Bolsonaro rachou co seu silencio (Foto: Europa Press).
photo_camera Jair Bolsonaro rachou co seu silencio (Foto: Europa Press).

O aínda presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, rachou finalmente esta terza feira co seu silencio desde as eleccións presidenciais do pasado domingo mais non se pronunciou abertamente sobre o resultado electoral en que o candidato do Partido dos Trabalhadores (PT) Luiz Inácio Lula da Silva gañou por estreita marxe. Con todo, Bolsonaro asegurou que cumprirá coa Constitución.

Tras máis de 24 horas de silencio, Bolsonaro comezou o seu curto discurso desde o Palacio da Alvorada agradecendo aos 58 millóns de cidadáns brasileiros o seu voto para despois dicir que seguirá a Constitución no marco do traspaso de poderes.

"Sempre me etiquetaron como antidemocrático. A diferenza dos meus acusadores, sempre xoguei dentro das catro liñas da Constitución. Nunca falei de controlar os medios e as redes sociais", sentenciou, facendo fincapé na representación "robusta" da dereita no Congreso, segundo recolleu o diario A Folha de São Paulo.

Bolsonaro, que xerou expectación por chegar tarde ao Palacio da Alvorada, tamén se referiu aos bloqueos das estradas que, segundo el, están motivados "pola indignación" e a "inxustiza" que provocaron os comicios.

"Manifestacións pacíficas"

Así, cualificou estes feitos de "manifestacións pacíficas", á vez que deixou claro que os métodos dos seus partidarios "non poden ser os da esquerda".

Após a declaración do presidente, que durou escasos dous minutos, o ministro da Casa Civil, Ciro Nogueira, chegou ao estrado e anunciou que foi autorizado por Bolsonaro para liderar o traspaso de poderes ao seu sucesor, a quen chamou "presidente Lula".

As declaracións de Bolsonaro prodúcense despois de que os gobernadores de varios estados de Brasil decidisen mobilizar á Policía Militar, que depende directamente das rexións, ante a aparente inacción federal para eliminar os bloqueos de estradas.

Comentarios